ACCESIBILIDADE

O Concello de Santiago convoca o "I Foro da Accesibilidade" ao abeiro dun proceso participativo

02/11/2023 O I Foro da Accesibilidade, que terá lugar o luns 13 de novembro ás 17:30 horas no Centro CABES, estará aberto á participación de toda a veciñanza e axentes implicados que queiran achegar suxestións, propostas ou inquedanzas en materia de accesibilidade.

O Concello de Santiago vén de poñer en marcha o proceso de consulta pública para a revisión do Plan de Accesibilidade Universal da cidade, convocando un primeiro encontro participativo no que se procederá a presentar os traballos de elaboración do plan, así como o equipo humano responsable da súa redacción, no que se presentará a metodoloxía do proceso, o seu enfoque integrador, os obxectivos e liñas estratéxicas xerais así como as distintas canles e medios de participación pública que estarán dispoñibles e se levarán a cabo ao longo de todo o proceso.

Co obxectivo de que o Plan de Accesibilidade sexa un plan de todos/as e para todos/as adaptado á realidade das necesidades da cidadanía de Compostela, levarase a cabo un proceso de participación pública a través do cal a veciñanza en xeral e os axentes cunha implicación directa en materia de accesibilidade en particular conten con diferentes vías de participación a través das que poidan dar a coñecer as súas inquedanzas, suxestións, identificación de problemáticas, propostas de actuación, etc, de cara a telas en conta no proceso de elaboración do Plan.

Este I Foro da Accesibilidade terá lugar o luns 13 de novembro ás 17:30 horas no Centro CABES (Casa de Asociacións de Benestar Social). Nesta xornada, ademais de ser expostas as claves principais deste traballo, contarase con tempo para comezar co proceso de participación cidadá e realizar unha primeira aproximación ás necesidades e propostas en materia de accesibilidade para o noso municipio e a súa área metropolitana.

Todas as persoas interesadas poderán inscribirse no seguinte formulario.

Se tes algunha dúbida ou consulta poderás resolvela a través do correo electrónico accesibilidade.santiago@gmail.com ou por vía telefónica no número 604.025.160.

Plan de Accesibilidade Universal

O Plan de Accesibilidade Universal de Santiago de Compostela é un Plan Estratéxico deseñado para satisfacer as necesidades de integración da poboación na procura dunha mellor calidade de vida a través da consecución dun modelo urbano e social accesible para toda a cidadanía.

Este proxecto enmárcase dentro das actuacións contempladas no Eixo 2 Destino intelixente, mobilidade sostible e accesibilidade, do convenio entre a Secretaría de Estado de Turismo, a Axencia Turismo de Galicia e o Concello de Santiago de Compostela, para a execución do Plan de Sostibilidade Turística na cidade de Santiago de Compostela.

Compartir: