XUVENTUDE

O festival de muralismo Compostela Contemporánea rexenerará a través da arte tres novos espazos de Santiago

27/10/2023 A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, asistiu este mediodía á master class sobre a técnica do stencil, impartida no IES de SAR no marco do Festival de Muralismo e Intervencións Urbanas "Compostela Contemporánea". Dentro deste programa están previstas tres intervencións murais de gran formato por parte a cargo de tres artistas: Møu, Lidia Cao e Doa.

Esta é a sexta edición do festival Compostela Contemporánea, impulsado pola concellería de Xuventude en colaboración co estudo especializado en arte urbana Mutante Creativo. María Rozas destacou "o extenso patrimonio muralístico que temos xa en Santiago grazas a esta iniciativa, que achega un valor engadido a moitos edificios da cidade e que permite visibilizar o traballo de grandes artistas desta disciplina".

Nesta edición están previstas dúas grandes intervencións nas Cancelas: no número dous da rúa Xoán Pablo II coa rúa Vintecinco de xullo, a cargo do artista de Ordes Møu; e no muro de contención do depósito de auga do barrio, coa artista ourensá Doa. A terceira actuación, que correrá a cargo de Lidia Cao, tamén de Ordes, será na fachada do IES de Sar. Estes traballos executaránse en canto o permitan as condicións meteorolóxicas.

O programa "Compostela Contemporánea" complétase coa master class ao redor da técnica do stencil, impartida polo coñecido artista ERRE onte e hoxe ao alumnado do bacharelato artístico do IES de Sar.

O Festival de Muralismo e Intervencións Urbanas "Compostela Contemporánea" procura a rexeneración de espazos urbanos deteriorados, abandonados ou en desuso, que a priori teñen menos interese patrimonial ou turístico, e que despois das intervencións artísticas se converten en puntos de atracción para os visitantes pero tamén para a veciñanza de Santiago.

Documentos relacionados



Compartir: