XUVENTUDE

Os obradoiros de prevención da adicción ao xogo da Concellaría de Xuventude chegarán a 1.300 alumnos e alumnas este curso

26/10/2023 Uns 1.300 alumnos e alumnas de 3º e 4º da ESO participarán ao longo deste curso nos Obradoiros de prevención da adicción ao xogo, que tén en marcha a Concellaría de Xuventude nos institutos de Santiago. Ao longo deste primeiro trimestre están previstas 27 intervencións, que chegarán a un total de 650 adolescentes. O obxectivo deste programa, tal e como explica a concelleira María Rozas, é "sensibilizar á mocidade dos riscos dos xogos de azar e prever comportamentos aditivos relacionados co xogo".

O 29 de outubro celébrase o Día sen xogos de azar, "unha data para lembrar que a adicción ao xogo é un problema que está adquirindo maior envergadura e que tén un impacto moi negativo no desenvolvemento persoal e social da mocidade". A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, explicou que "os datos advirten do aumento progresivo dos mozos e mozas que teñen experiencias co xogo". Ainda que en moitos casos sexa sen apostas monetarias, "este tipo de xogo serve de gancho para a mocidade e crea hábitos prexudiciais que poden derivar na adicción ao xogo de apostas".

Obradoiros nos centros educativos

Para previr estas conductas, a Concellaría de Xuventude tén en marcha un programa de obradoiros preventivos de adicción ao xogo dirixidos ao alumnado de 3º e 4º da ESO, e que se desenvolven en sesións de dúas ou tres horas de duración. As previsións do departamento de María Rozas é que neste primeiro trimestre do curso a actividade chegue a 650 alumnos e alumnas dos IES de Santiago, e que ao rematar o curso sexan ao redor de 1.300 os participantes no programa.

Os centros interesados en sumarse á iniciativa poden inscribirse dirixíndose ao concellaría de Xuventude, a través do mail dptoxuventude@santiagodecompostela.gal.

Ademáis, en torno á conmemoración do Día sen xogos de azar estáse a traballar nunha actividade para a creación de lemas relacionados coa ludopatía e na redacción dun manifesto contra este tipo de xogos. Nesta iniciativa participan os IES Rosalía de Castro, Xelmírez II, Pontepedriña, Antón Fraguas, As Fontiñas, Sar, Eduardo Pondal e Lamas de Abade.

Compartir: