CAPITAL CULTURAL

Constance Hurlé presenta Sem grana e sem frescura, a novela resultante da primeira residencia literaria da Zona C

18/10/2023 A ZONA C-Punto de Información Cultural acolleu este mércores 18 de outubro a presentación da novela Sem grana e sem frescura, de Constance Hurlé, a obra resultante do proxecto de creación literaria desenvolvido ao abeiro da primeira convocatoria de intervencións artísticas promovida por Compostela Cultura no ámbito da escrita. Sem grana e sem frescura é un relato a cabalo entre o diario de viaxe e a auto-ficción que naceu dun periplo da escritora dende o sur ao norte de Brasil e que tomou forma de novela durante a residencia que Hurlé realizou de maio a xuño de 2022 neste mesmo edificio da praza de Cervantes que outrora albergou o Concello de Santiago.

No acto de presentación da novela, a autora estivo acompañada da concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, e do director-xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López. Louzao puxo en valor esta residencia literaria consonte "á vontade do Concello de Santiago de apoiar as novas creadoras e creadores dos distintos ámbitos artísticos, e que serviu para madurar a novela que hoxe se presenta. Durante a súa residencia, para a que, ademais do espazo, contou cunha dotación económica de 5.000 euros, a autora desenvolveu unha serie de intervencións na Zona C co fin de establecer pontes entre a literatura e o público, algo que era, precisamente, un dos obxectivos da convocatoria".

Así, no marco da estadía literaria de Constance Hurlé na Zona C, a cidadanía e visitantes de Compostela puideron asistir a unha exposición conformada por imaxes e obxectos relacionadas coa viaxe autobiográfica da que trata a novela e concertar conversas coa escritora para afondar no seu proceso creativo. Neste período, Constance Hurlé dirixiu tamén un obradoiro de escrita creativa e propiciou diálogos con poetas da escena local onde a palabra se transmitiu a través da performatividade, do xogo poético e a spoken word con Peter Brea e Paulo Maestro, recoñecidos activistas culturais e parte activa do Poetry Slam Compostela. Finalmente, como colofón da residencia e a xeito de peche, a escritora realizou lecturas públicas da novela e diálogos abertos co público asistente.

Constance Hurlé destacou na presentación a axuda que supuxo a convocatoria de Compostela Cultura para a conclusión do seu proceso literario, que serviu de estímulo e "motivo para sentar e dedicarlle un ano á escrita, un proceso solitario que sen motivación externa esixe un gran compromiso cunha mesma. Para min, sen a residencia Zona C a novela non existiría".

Sem grana e sem frescura, agora publicada polo selo Edicións Morgante de Rinoceronte Editora, baséase nas experiencias da autora nesa viaxe en autostop polo territorio brasileiro para presentar a historia da personaxe principal, Estela, a través da visión de Jannick Gutmann, un novelista alemán que a coñecerá no avión de regreso a Europa. O título do volume é unha frase popular en idioma portugués e de difícil tradución que define o xeito no que viaxaron tanto a personaxe literaria, Estela, como a autora, Constance Hurlé: sen apenas cartos e adaptándose ás situación precarias, e ás veces incómodas, que iso implicaba. A novela xa está á venda en librarías.

Constance Hurlé (Vigo, 1990)

Licenciada en Filoloxía Clásica pola Universidade de Santiago de Compostela, é tamén titulada no Mestrado en Investigación en Estudos do Teatro pola Universidade Autónoma de Barcelona, e mantén unha constante formación teórica coa participación e asistencia activa a diferentes congresos de artes escénicas. Comeza dende moi nena a facer teatro e tece unha traxectoria que transita por diferentes disciplinas e escolas de artes escénicas e danza, entre as que destacan a Escola Integral do Creador Escénico Vladimir Tzekov, en Granada, e A Artística, da man de Olga Cameselle. En 2014 iníciase no microteatro coa peza dramática El día después, e en 2016 ve a luz o seu primeiro proxecto poético-musical, A mazá de Rosalía. En dúo con Rui Grenha, ofrece os concertos presentados bic in progres (2017) e hacialaluz (2019), a partir dos cales publicará os poemarios bicmordido (2017, Ed. Carena) e hacialaluz: poesía, sonido, imagen (2019, Ed. La Fábrica de libros), alén dun fanzine poético autoeditado.

Hurlé entende a literatura coma medio de expresión das emocións e como crítica social e, dende esa perspectiva, conxuga poesía e escena navegando polos xéneros híbridos. Recentemente foi premiada coa peza Monólogo para corpo en movemento no Festival FIOT de 2020, e polo seu microrrelato Manaus no concurso de relatos contra a violencia de xénero organizado polo Concello de Ribadavia, en novembro de 2020. Participa en festivais de poesía como o Keruac (2018) ou o Festival Nun Local (2018) con intervencións poéticas, alén de diversos eventos como slams, recitais, jams de improvisación vocal, etc. Ademais, dirixe e interpreta a obra de teatro contemporáneo Lara Hierro (Rianxo, 2022).

Compartir: