MOBILIDADE

As familias do Pío XII disporán de 25 minutos de estacionamento de balde no parking de Galeras

16/10/2023 As familias do colexio Pío XII disporán finalmente de 25 minutos de estacionamento de balde no aparcamento A Catedral, situado na rúa de Galeras, nos horarios de entrada e saída do centro. Anunciouno o concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, que agradeceu a vontade de colaboración da empresa que xestiona o parking. O edil fixo tamén un chamamento ás nais e pais do CEIP "para que todas as partes colaboremos e actuemos con responsabilidade co obxectivo de mellorar as dinámicas de mobilidade e evitemos problemas de circulación na contorna do colexio".

O concelleiro de Mobilidade deu conta do acordo polo que as familias do CEIP Pío XII terán 25 minutos de estacionamento gratuíto no aparcadoiro A Catedral, 10 minutos máis do anunciado inicialmente. Xan Duro explicou que "con este aumento do tempo confiamos en que sexan máis as nais e pais que utilicen esta opción, que non tén máis obxectivo que mellorar a mobilidade e evitar situacións de risco para os nenos e nenas nas proximidades do centro escolar".

As familias interesadas en utilizar o aparcamento de Galeras teñen que solicitar unha tarxeta moedeiro nas dependencias do estacionamento, presentando un xustificante de ser membro da comunidade escolar do colexio. Con ela, terán dereito estacionar 25 minutos de maneira gratuíta e, se se excede ese tempo, tan só terán que abonar a tarifa correspondente a eses minutos.

No caso do CEIP Raíña Fabiola, mantéñense as condicións anunciadas inicialmente, e as familias poderán estacionar de balde 15 minutos nos horarios de entrada e saída dos colexios.

Compartir: