XUNTA DE GOBERNO

Aprobadas as bases e a convocatoria para participar no Mercado de Nadal 2023-2024

16/10/2023 A Xunta de Goberno deu luz verde a unha nova convocatoria para o Mercado de Nadal, que se instalará en Carreira do Conde e Área Central. Tamén acordou solicitar unha subvención por preto de 420.000 euros para distintos programas do departamento de Servizos Sociais, un dos cales ser realizará por primeira vez e consistirá na posta a disposición de vivendas de transición para persoas en situación de senfogarismo. De todos os asuntos deu conta en rolda de prensa, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín.

O Concello de Santiago convoca o xa tradicional Mercado de Nadal, que se celebrará do 1 de decembro de 2023 ao 5 de xaneiro 2024 na rúa da Carreira do Conde e do 22 de decembro ao 5 de xaneiro tamén en Área Central.

O prazo de inscrición comezará ao día seguinte da publicación das bases na web de comercio e na sede electrónica do Concello e estará aberto ata o o 30 de outubro de 2023 ás 14:00h. Previsiblemente se publicarán mañá, martes 17 de outubro, polo que as solicitudes poderán realizarse dende o mércores 18 no formulario habilitado ao efecto tanto na web de comercio como na sede.

O Mercado cambiará de expositores en cinco quendas:
Quenda 1: venres 1 a xoves 7 de decembro (7 días ), en Carreira do Conde.
Quenda 2: venres 8 a xoves 14 de decembro (7 días), en Carreira do Conde.
Quenda 3: venres 15 a xoves 21 de decembro (7 días), en Carreira do Conde.
Quenda 4: venres 22 a venres 29 de decembro (7 días), en Carreira do Conde e Área Central.
Quenda 5: sábado 30 de decembro a venres 5 de xaneiro (6 días), en Carreira do Conde e Área Central.

Estará aberto en horario de 12.00 a 14.00 h e de 17.00 h a 21.30h, agás os días 24 e 31 de decembro, nos que so abrirá de mañá (12.00 a 14.00h), e os días 25 de decembro e 1 de xaneiro, que permanecerá pechado.

Poderán participar no mercado as persoas comerciantes, artesás e produtoras con capacidade para producir, exhibir, elaborar e vender produtos. Pode tratarse de sociedades ou persoas físicas, sempre que estean legalmente constituídas ou regularizadas no réxime de traballadores por conta propia, na actividade económica que lles corresponda.

As persoas interesadas poderán solicitar a información complementaria que precisen para valorar a súa participación no mercado no seguinte contacto: mercadonadal@gmail.com

Solicitude subvencións

A Xunta de Goberno acordou solicitar á Consellería de Política Social da Xunta de Galicia unha axuda de 419.061,00 € para programas de emerxencia social e inclusión social de poboación en risco de exclusión, para os anos 2023 a 2025.

De entre todos os programas incluídos, a alcaldesa salientou como novidade un proxecto piloto, para o que se solicita unha subvención de preto de 58.000 euros, destinado a acompañar no camiño á vida autónoma a persoas procedentes dunha situación de senfogarismo aloxadas en dispositivos temporais a través de vivendas de transición.

A solicitude global desglósase do seguinte xeito:
a) Programa dirixido ao desenvolvemento integral do colectivo xitano: solicítanse 59.040,00 € para o financiamento parcial dos custos laborais de dous/dúas traballadores/as sociais.
b) Programa dirixido á inclusión social de colectivos en risco de exclusión social: solicítanse 74.087,00 € para o financiamento parcial dos custos laborais dunha psicóloga e dunha axente de desenvolvemento local.
c) Programa dirixido á inclusión social dos menores a cargo: solicítanse 68.388,00 € para o financiamento parcial dos custos laborais de dúas educadoras sociais/familiares.
d) Programa de apoio á inclusión de persoas sen fogar: solicítanse 79.786,00 € para o financiamento parcial dos custos laborais dunha traballadoras social.
e) Programa de apoio á inclusión residencial: solicítanse 79.786,00 € para o financiamento parcial dos custos laborais dunha educadora social/familiar.
f) Programa VITRASAN (Vivendas de transición en Santiago de Compostela): solicítanse 57.974,00 € para o financiamento parcial dos custos laborais de contratación dun/ha traballador/a social.

Así mesmo, aprobáronse dúas solicitudes de subvención á Deputación da Coruña: a primeira, por importe de 90.000 euros, para financiar as actividades dos centros socioculturais de ámbito rural durante o ano 2023, o que supón un 60% do total do seu custo (150.000 €); a segunda, para o sostemento do centro sociocultural do Ensanche por un importe de 130.000 €, cantidade que ascende ao 56,52 % do gasto total por este concepto (230.000,18 €).

Contratación

Nesta sesión tamén se acordou aprobar o expediente de contratación para a subministración dun compresor de aire para o Servizo de Extinción de Incendios, empregado para recargar as bombonas de osíxeno que usan nas intervencións. O contrato ten un orzamento de licitación 56.265,00 € con IVE (46.500,00 € sen IVE) e o prazo máximo para realizar a subministración é de 30 semanas, contadas desde a sinatura do contrato.

Por último, adxudicouse o contrato "Sistema de xestión integral da base de datos Oracle do Concello de Santiago de Compostela" a ASAC COMUNICACIONES, SL, por un prezo de 122.185,80 €, IVE incluído e unha duración de 36 meses, repartidos nos anos 2023, 2024, 2025 e 2026.

O contrato ten por obxecto a subministración de licenzas de uso da base de datos Oracle; a migración dos datos actuais ao novo centro de procesamento de datos (CPD); e o mantemento e xestión da base de datos.

Compartir: