TURISMO

Unha peregrina de Singapur recibe o Certificado Dual 5.000 por percorrer o Camiño de Santiago e o Kumano Kodo

13/10/2023 Santiago de Compostela, cidade Patrimonio da Humanidade, e a cidade de Tanabe, destino do Kumano Kodo, levan anos traballando nun proxecto turístico de dimensión global.

June-Lian Mok, unha muller de Singapur, recibiu o Certificado que a convirte na peregrina Dual número 5.000. June-Lian Mok chegou acompañada da súa parella, Jeffrey Chiam, que recibiu o certificado 5.001. Ambos percorreron os Camiños de Santiago e o Kumano Kodo. O Kumano Kodo fixérono seguindo a ruta dende Kii-Tanabe a Kumano Hongu Taisha no ano 2018. E neste 2023 fixeron o Camiño de Santiago dende Baiona. Turismo de Santiago entregoulle un pequeno agasallo, consistente en diferente material arredor do Códice Calixtino, como recordo.

Segundo declarou June-Lian Mok, "percorrer o Camiño de Santiago e o Kumano Kodo son dúas experiencias que cambian a vida. Ambas son rutas culturais que teñen unha marabillosa tradición e hospitalidade". A peregrina de Singapur tamén destacou a súa chegada que ambas rutas "supoñen un desafío no que ademais podes coñecer a persoas de todo o mundo".

Santiago de Compostela e Tanabe levan traballando conxuntamente desde o ano 2008, cando se asinou o primeiro convenio de colaboración entre ambas cidades que sentou as bases dunha relación cada vez máis profunda. Un dos proxectos máis importantes naceu no 2015, cando se creou o Pasaporte Dual. O Pasaporte Dual concíbese como un documento similar á credencial do Camiño de Santiago, pero no que se recoñece que se fixeron os dous Camiños, o de Santiago e o de Kumano, ambos declarados Patrimonio da Humanidade.

Cando unha persoa completa os dous Camiños recibe un certificado e un alfinete conmemorativo cos símbolos propios de ambas rutas de peregrinación, a vieira do Camiño de Santiago e o corvo de Tanabe, e súbese unha fotografía a unha web común como lembranza dixital do logro conseguido.

Coa chegada de June-Lian Mok e Jeffrey Chiam superáronse xa as 5.000 persoas que percorreron ambos camiños. Trátase dunha cifra moi relevante xa que dende comezos do 2020 ata finais do 2022 o Pasaporte Dual viuse moi afectado polo impacto das restricións para viaxar xeradas polo coronavirus.

Dende a súa creación no 2015, percorreron xa ambos camiños persoas procedentes de 64 países. O país con maior número de peregrinos duais é Xapón, con máis de 1.200. En segundo lugar ven Australia, con máis de 700, e en terceiro lugar EEUU, con máis de 600. Estes datos amosan o interese global que ten o Pasaporte Dual. Trátase de dous Camiños Patrimonio da Humanidade que se atopan en continentes distintos, Europa e Asia, e que a súa vez son capaces de atraer en primeiro lugar a turistas doutros dous continentes, Oceanía e América.

Compartir: