CAPITAL CULTURAL

A Semana de Cinema Euroárabe AMAL 2023 celebrarase do 23 ao 28 de outubro no Teatro Principal de Santiago con cinco proxeccións baixo o lema "Ninguén está a salvo"

11/10/2023 A Fundación Araguaney-Puente de Culturas presentou hoxe a vixésima primeira edición da Semana de Cinema Euroárabe AMAL 2023 no hotel Eurostars Araguaney de Santiago. No acto participaron o presidente da Fundación Araguaney-Puente de Culturas e director da Semana de Cinema Euroárabe AMAL, Ghaleb Jaber Martínez; a concelleira de Capital Cultural do Concello de Santiago, Miriam Louzao; e o director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo.

Ghaleb Jaber Martínez agradeceu a colaboración un ano máis do Concello de Santiago e da Xunta de Galicia. Esta edición está marcada pola actualidade, polos últimos acontecementos acaecidos en mundo árabe. Baixo o lema "NINGUÉN ESTÁ A salvo", e cunha imaxe sombría de cor negra, esta edición de AMAL rende homenaxe ás persoas falecidas na traxedia do terremoto de Marrocos, que sacudiu o país o pasado 8 de setembro con epicentro na cidade de Ighil e deixando atrás a miles e miles de vítimas; do mesmo xeito que sucedeu na cidade libia de Derna, onde a auga arrasou con todo ao seu paso, incluídas infinidade de vidas humanas. E un mes máis tarde, Jaber Martínez falou de como as bombas están a destruír os soños "do sempre esquecido pobo de Palestina".

O presidente de AMAL mandou unha mensaxe de "solidariedade e apoio ao pobo do meu pai", o pobo palestino, e condenou os asasinatos de vítimas civís de ambos os bandos. Pediu tamén unha análise e reflexión por parte dos xornalistas para procurar a paz. "É necesario que nos unamos todos para que o futuro dos nosos fillos estea asegurado" –apuntou–. Ademais, como se destaca na carta ao director do programa de AMAL, Ghaleb Jaber indicou que "ninguén está a salvo e que todos estamos en perigo, independentemente do lugar de mundo no que nacésemos", enfrontándonos a perigos como o cambio climático, os extremismos ou o capitalismo salvaxe.

Jaber Martínez explicou que AMAL é algo máis que un evento cinematográfico, e cos seus 21 anos recentemente cumpridos o proxecto segue sendo un encontro de culturas, un espazo no que a gran pantalla transfórmase en xanela e esa xanela abre unha porta ao intercambio, á empatía e ao entendemento. "Temos a certeza de que hoxe, en moitos lugares do mundo árabe, só se pode soñar en branco e negro. Se ignoramos a dor dos demais, corremos o risco de que esta dor se converta en rabia e a rabia o destrúa todo" –declarou–.

Miriam Louzao manifestou que AMAL, tras máis de dúas décadas, axuda a construír unha cidade mellor, e por suposto, un mundo mellor, ofrecendo esperanza a través da cultura e coñecemento sobre outros pobos, para así axudar a eliminar estereotipos. A concelleira animou a asistir a AMAL para "ver bo cinema, abrir a mirada e aprender a respectar e ser mellores persoas".

Pola súa banda, Anxo Lorenzo resaltou a capacidade da cultura para fomentar o diálogo, a relación e o coñecemento doutras realidades, é dicir, "a capacidade dá cultura para desfacer prexuízos". "A cultura non soluciona nada por se mesma, pero axuda a desfacer e a ter máis simpatía cara outras realidades" –matizou–.

A recadación destinarase, a través de Cruz Vermella, aos afectados polo terremoto de Marrocos e as inundacións en Libia

A semana de cinema celebrarase entre os días 23 e 28 de outubro no Teatro Principal de Santiago (rúa Nova, 21). O primeiro día, o luns 23, celebrarase unha charla inaugural gratuíta sobre Palestina, ás 21 horas no Teatro Principal. Intervirán o patrón da Fundación Araguaney-Puente de Culturas e codirector do Instituto de Estudos sobre Conflitos e Acción Humanitaria (IECAH), Jesús Núñez Villaverde, e outra personalidade importante que darán conta do que pasa en Gaza, cunha contextualización dos acontecementos.

Sendo a cultura un dos mellores antídotos, nesta edición de AMAL proxectaranse cinco cintas –catro películas de ficción e un documental– que se poderán ver nun pase único por día de martes a sábado ás 21:00 horas. As entradas terán un custo de tres euros (+ gastos de xestión) e estarán á venda en Ataquilla.com (https://entradas.ataquilla.com/ventaentradas/minisite/139). Tamén as entradas restantes se poderán adquirir no despacho de billetes do Teatro Principal, unha hora antes de cada proxección. A primeira sesión de cinema de AMAL 2023 será o martes 24, coa longametraxe de ficción "Conspiración no Cairo"; o mércores 25 a película "Entre as figueiras"; o xoves 26 a película "The Sage"; o venres 27 o documental "Little Palestine, Diary of a Siege"; e o sábado 28 a ficción "O caftán azul".

Direcciones relacionadas



Compartir: