ATENCIÓN AO CIDADÁN

Os avogados de Santiago poderán realizar os seus trámites co Concello a través de Internet

26/05/2005 O Concello de Santiago deu un novo paso cara a facilitar e axilizar os trámites administrativos gracias ao convenio asinado co Colexio de Avogados de Santiago e que permitirá a través da sinatura electrónica realizar numerosos trámites a través de Internet.

Na liña de colaboración do Concello co Colexio de Avogados de Santiago, o convenio asinado polo decano do devandito Colexio, Evaristo Nogueira, e o alcalde compostelán, Sánchez Bugallo, posibilitará que os membros deste Colexio poidan realizar trámites como presentacións de recursos ou alegacións a través de Internet, sendo plenamente válidos a efectos legais.

Este convenio ten un carácter case que pioneiro en España, pois tan só dous concellos cataláns, Reus e Sabadell, contan con procedementos telemáticos similares que posibilitan un notable aforro de tempo a axilizan os trámites administrativos.

Segundo sinalou o Decano do Colexio o procedemento irá "madurando para que todos nos acostumemos a novas pautas de traballo que significan unha importante innovación". En todo o país o Colexio de Avogados de España realizou un investimento de preto de 12 millóns de euros para a paulatina implantación da sinatura electrónica con plenas garantías xurídicas e de seguridade.

Sánchez Bugallo reiterou o agradecemento a permanente colaboración co Colexio compostelán, especialmente en ámbitos que permitiron "unha substancial mellora na prestación de servizos aos cidadáns". Neste senso o Alcalde lembrou o convenio asinado hai anos co mesmo colexio para a asistencia a mulleres maltratadas

Grazas a este convenio o certificados dixitais de identidade, denominados certificados recoñecidos de acordo co previsto na Lei 59/2003, do 19 de decembro, confiren a cada sinatura electrónica carácter único, permiten identificar o seu titular e son universais, polo que poderán ser utilizados para calquera relación xurídica que para o efecto manteñan os membros do Colexio nas súas relacións co Concello de acordo coas garantías e requisitos establecidos no presente convenio.

A partir do próximo 15 de xuño será operativo este novo sistema que permitirá aos membros do Colexio remitir ao Concello por vía telemática todo tipo de escritos, comunicacións e recursos, con sinatura electrónica avanzada, no seu propio nome ou actuando en representación doutra persoa.

Documentos relacionados



Compartir: