CONVIVENCIA

A Semana da Prevención de Incendios chega á Alameda para sensibilizar a veciñanza e mostrar como reaccionar en situacións de emerxencia

11/10/2023 Mostrar as claves para escapar dun incendio ou para usar mangueiras e extintores, ensinar a realizar unha reanimación cardiopulmonar, ou alertar sobre as principais causas das orixes dos lumes nos fogares. Son algúns dos obxectivos da Semana da Prevención de Incendios, organizada polo Servizo Municipal de Extinción de Incendios, a Fundación MAPFRE e a Asociación Profesional de Técnicos de Bombeiros. As actividades serán o luns e martes próximos, na Alameda.

A Semana da Prevención de Incendios foi presentado hoxe en rolda de prensa polo concelleiro de Mobilidade, Convivencia e Centros Socioculturais, Xan Duro; o xefe do Servizo Municipal de Extinción de Incendios, Manuel Sanmartín; o secretario da delegación da Asociación Profesional de Técnicos de Bombeiros en Galicia (APTB), Juan José Muñoz; e o representante da Fundación MAPFRE, Francisco Javier Barreiro.

O obxectivo do programa, explicou Xan Duro, é "sensibilizar á cidadanía, axudarlle a identificar os riscos que se poden presentar nos nosos lugares cotiáns, como os nosos fogares, lugares de traballo ou colexios; e trasladarlle os coñecementos necesarios para actuar diante dunha emerxencia". O concelleiro agradeceulle á APTB e á Fundación MAPFRE a elección de Santiago para celebrar esta actividade, que vai xa pola súa XVIII edición e que se vén celebrando por cidades de toda España.

As actividades da Semana da Prevención de Incendios desenvolveranse o luns 17 e o martes 18 na Alameda. Polas mañás, de 10.00 a 13.30 horas, o programa está pensado para o público escolar, con visitas organizadas de colexios, ainda que é aberto a toda a cidadanía; e polas tardes, de 16.00 a 19.00 horas, haberá propostas máis deseñadas para o público en xeral.

O eixo principal da Semana da Prevención de Incendios é "A Casa de Fume", unha vivenda inchable na que as persoas participantes poden aprender as claves para "escapar" dun lugar no que se orixinou un incendio. Ademais, mostrarase como realizar unha reanimación cardiopulmonar, ou como manexar as mangueiras e extintores. No programa inclúense tamén exhibicións de vehículos de bombeiros ou traxes de intervención; e polas tardes os bombeiros de Santiago protagonizarán un simulacro de rescate vertical.

Actividade referente

Desde a súa posta en marcha, a Semana da Prevención de Incendios de Fundación MAPFRE y APTB chegou a milleiros de escolares de toda España, cun programa moi ameno e didáctico que bota man de ferramentas como simuladores, vídeos educativos, ou obras de teatro.

A Fundación MAPFRE e APTB teñen elaborado un Estudo de Vítimas de Incendios en 2021, que sinala que o maior número de falecementos por incendios no fogar prodúcese por lumes no salón ou no dormitorio, en moitas ocasións orixinados pola noite. Nese ano rexistráranse 152 mortes en incendios rexistrados en fogares, o 70 por cento delas por intoxicación por gases e fume. O representante APTB, Juan José Muñoz, incidiu na importancia de contar nos fogares con detectores de fume "que evitarían moitas mortes, porque a maioría dos falecementos prodúcense por intoxicación porque as vítimas non espertan no inicio do lume".

Documentos relacionados



Compartir: