XUNTA DE GOBERNO

Luz verde ao inicio da contratación do servizo de mantemento das pistas deportivas exteriores e ás bases do II Premio á Excelencia Empresarial

11/10/2023 A Xunta de Goberno, reunida en sesión extraordinaria, aprobou o expediente de contratación do servizo de mantemento das pistas deportivas exteriores de acceso libre do Concello, así como ás bases reguladoras e á convocatoria para o ano 2023 da II edición dos Premios á Excelencia Empresarial Axenda Urbana 2030.

A segunda edición dos "Premios á excelencia empresarial Axenda Urbana 2030" contan cun orzamento de 60.000 euros. O seu obxectivo é premiar as empresas que se distinguisen polas boas prácticas no campo da conciliación laboral e familiar, economía circular, innovación, comercialización en produtos e servizos culturais, retos da Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela e, tamén, das boas prácticas de empresas de economía social.

Están dirixidos a todas as empresas que teñan a súa sede social fiscal e, cando menos, un centro de actividade no Concello de Santiago de Compostela, baixo calquera forma xurídica admitida en dereito, e sexa cal sexa o seu campo de actividade. Establécense as seguintes categorías, valorando criterios:

- Boas prácticas en materia de conciliación.
- Boas prácticas en materia de economía circular.
- Boas prácticas en materia de innovación e ciencia aplicadas ao modelo de negocio.
- Boas prácticas en innovación, en comercialización de produtos e servizos culturais.
- Boas prácticas de empresas de economía social.
- Boas prácticas que identifican estratexias que apostan por atraer, reter ou mellorar o talento.
- Boas prácticas aliñadas cos retos da Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela e os ODS da Axenda 2030.

As empresas candidatas ao premio presentarán un formulario de solicitude e unha memoria para cada unha das categorías ás que concorran. O prazo de presentación de solicitudes abranguerá o período dende o día seguinte ao da publicación do extracto das bases no BOP de A Coruña e ata o día 31 de outubro de 2023 ás 23.59 horas.

Servizo de mantemento das pistas deportivas exteriores

O Concello tamén aprobou o expediente de contratación do Servizo de inspección, mantemento, limpeza e traballos auxiliares das pistas deportivas exteriores de acceso libre municipais, cun orzamento base de licitación de 377.819,28 € (base impoñible de 312.247,34 € e IVE do 21% de 65.571,94 €), polo procedemento aberto de adxudicación. O gasto dividirase en dúas anualidades: 31.484,94 € para 2023 e 346.334,34 € para 2024.

Compartir: