CAPITAL CULTURAL

Curtocircuíto pecha a súa vixésima edición coa entrega de premios aos filmes gañadores

08/10/2023 A vixésima edición do Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto chega ao seu final cun acto de clausura no que participaron a alcaldesa do Concello de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, a concelleira de Capital Cultural, Miriam Louzao, o director de AGADIC, Jacobo Sutil, a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, e o director artístico de Curtocircuíto, Pela del Álamo. Tamén asistiron representantes dos grupos políticos da Corporación.

Goretti Sanmarín aproveitou a entrega de premios para parabenizar a todas as propostas gañadoras e para transmitirlle a todo o equipo artístico e técnico do Festival o seu esforzo por "manter unha plataforma que leva reunindo en Compostela artistas e creadoras relevantes do mundo audiovisual contemporáneo durante dúas décadas, e sobre todo por facer desta 20ª edición unha cita única que quedará para o recordo".

O director artístico de Curtocircuíto, pola súa banda, agradeceu a todas as persoas asistentes a súa implicación co festival, con especial mención ás e aos cineastas e artistas do audiovisual que participaron de xeito activo no programa deste vixésimo aniversario. "Curtocircuíto converteuse de novo nun espazo de encontro entre artistas e público, fomentando a interactividade e abrindo novas conversacións moi necesarias para o crecemento e evolución artística, así como para reconsiderar o modelo de festival e de cidade. Grazas por tanto", sinalou.

Neste mesmo acto, anunciouse o palmarés desta 20ª edición. As persoas integrantes dos distintos xurados oficiais de Curtocircuíto - Festival Internacional de Cinema decidiron outorgar os seguintes premios:

● Premio Cosmos á mellor película: Nazarbazi de Maryam Tafakory
● Mención Especial: March of time de Pedro Maia
● Premio Cosmos á película máis innovadora: An Asian Ghost Story de Bo Wang
● Mención Especial: Nearest Neighbor de Rebecca Baron, Douglas Goodwin
● Premio Cosmos á mellor película española (patrocinado por RC Service): Mamántula de Ion de Sosa
● Mención especial: La niña mártir de María Pérez Sanz
● Premio Galiza: Non te vexo de Xacio Baño
● Premio Supernova (patrocinado por Galicia Calidade): Noitevella 1999 de Uxia Gayoso
● Mención especial: Elisa de Paula González García
● Premio do Xurado Novo: An Asian Ghost Story de Bo Wang
● Mención especial: Neighbour Abdi de Douwe Dijkstra
● Premio CREA á mellor Dirección Galega: Non te vexo de Xacio Baño
● Premio #OutraCompostela (patrocinado por Turismo de Galicia e Santiago de Compostela Film Commission): Doddies de Elena Vázquez, Irene Tobío e Beatriz Real
● Premio do Público (patrocinado por GADIS): Aunque es de noche de Guillermo García López

Compartir: