BENESTAR SOCIAL

Aspas comeza a usar os pisos cedidos polo Concello para o programa de vida independente

10/05/2007 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, inaugurou, xunto coa concelleira de Benestar Social, UMAD e Muller, Adelaida Negreira, os dous pisos que o Concello de Santiago cede a Aspas (Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual) para a posta en marcha do proxecto de vida independente.

Grazas á colaboración do Concello de Santiago de Compostela, que cede o uso de dous pisos na rúa Roma, nº 5, no Polígono de Fontiñas, a asociación Aspas pode por en marcha un programa de apoio para a vida independente. Isto permitirá que seis persoas con discapacidade intelectual teñan a oportunidade de facer unha vida persoal o máis autónoma posible nun entorno normalizado. O Concello tamén se fixo cargo dos arranxos necesarios para o uso das dúas vivendas, o que supuxo un custo de preto de 6.000 euros.

No acto simbólico de entrega de chaves, o alcalde agradeceu o labor realizado por ASPAS e felicitou e a súa "satisfacción" por poder colaborar con esta entidade grazas a esta iniciativa. Pola súa parte, o presidente de ASPAS, Marcelo de la Cruz, incidiu na importancia dese programa para "a integración e a independencia".

O programa de apoio consistirá en fomentar as habilidades para a vida no fogar e habilidades sociais durante o tempo necesario para que as persoas destinatarias do programa teñan finalmente unhas competencias no cumprimento de responsabilidades con autonomía que lles permita facer unha vida independente. Así contarán, inicialmente, coa presencia constante de profesionais que se irán retirando a medida que o grao de adquisición de habilidades sexa o axeitado. Os seis usuarios dos pisos tutelados iranse incorporando de forma paulatina as súas novas residencias.

As persoas con discapacidade intelectual forman un colectivo que presenta un baixo nivel de inserción social, apenas está presente na vida laboral e social da comunidade. Ata a data, traballouse pouco a súa autonomía persoal e esta foi limitada pola sobreprotección familiar e nalgúns casos polas poucas posibilidades que a comunidade proporcionou.

O Concello cede o uso gratuíto en precario destes pisos por un ano, prorrogable por acordo expreso ata un período máximo de catro anos. Transcorrido o prazo fixado e as súas prórrogas a Concellaría estudará segundo as necesidades a posibilidade dunha nova prórroga.

A asociación

Aspas (Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual) é unha asociación sen ánimo de lucro, declarada de Utilidade Pública, que ten como misión facilitar os apoios necesarios para a defensa dos dereitos e mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual e as súas familias.

Aspas foi creada no ano 1967, celebrando este ano 40 anos ao servizo das persoas con discapacidade e das súas familias. A asociación pon en marcha no ano 1971 o seu primeiro taller de carpintería co obxectivo de dar unha formación profesional ás persoas con discapacidade intelectual, ao que lle seguiron novos obradoiros ata a creación no ano 1975 do Centro Ocupacional que funciona na actualidade con diversos servizos como cestería, manipulados, xardinería, mantemento e servizos múltiples, cerámica, etc. No ano 1985 pon en funcionamento o Centro Juan Vidán Torres, en Laraño, que presta un servizo residencial e de atención especializada a persoas con necesidades de apoios extensos e xeneralizados.

No ano 2000 comezou a construción das vivendas San Marcos coas que agora conta a Asociación e nas que residen un total de 21 persoas con discapacidade intelectual. E xa en decembro do 2005 como outro paso importante constituíu o Centro Especial de Emprego "Aspas Emprego SL" coa finalidade de dar traballo ás persoas con discapacidade intelectual que na actualidade non teñen oportunidade de insertarse na empresa ordinaria. A Asociación Aspas tamén presta servizos de ocio, deportes, apoio a familias e programas de autoxestores e emprego con apoio.

Compartir: