FESTAS

Van Morrison, La Quinta Estación e Macaco nas festas da Ascensión

09/05/2007 O concerto de Van Morrison o sábado 19 de maio e as actuacións de balde de La Quinta Estación, Macaco ou Gisela serán os pratos dunha nova edición das festas da Ascensión, que se celebrarán do 15 ao 25 de maio. O programa foi presentado polo concelleiro de Festas, Xosé Baqueiro, quen indicou que estaba pensando "para nenos e maiores, para composteláns e visitantes".

As bombas de palenque ao mediodía, o martes 25 de maio, marcarán a edición destas festas, as máis participativas da cidade e con actividades para todas as idades. Os concertos volverán a ocupar un lugar importante na programación e entre eles destaca o concerto que o irlandés Van Morrison dará no Multiusos do Sar o sábado 19 de maio, a partir das 20:00 horas.

O Campus Sur volverá a ser escenario, por segundo ano consecutivo, dos demais concertos destacados desta edición, novamente de balde. Alí actuarán o mércores 16 Macaco e Los Casanova. Na xornada seguinte, o día da Ascensión, o protagonista será o grupo La Quinta Estación, nunha actuación denominada "Primavera pop" e organizada en colaboración con Los 40 Principales. A "Campus Party 07" encherá de hip hop, dance ou techno o mesmo espazo o venres 18.

O capítulo de concertos complétase tamén coa actuación de Gisela no Paseo Central da Alameda, o sábado 19. Tamén no eido da música non faltarán os concertos na Praza do Toural, coas actuacións de Manel Fuentes con los alimañas del swing, Astedixie Jazz Band, Rogerio Freire e Son Tres; nin os das orquestras no paseo central da Alameda.

A novidade musical deste ano vén de "Folk tradicional na rúa", cun programa de concertos de diversos grupos ao longo de todo o día 17 en prazas e rúas do casco histórico. Finalmente, o domingo 20, turno para unha actuación conxunta de corais de Compostela, que interpretarán no Toural un programa de habaneras.

Os máis novos terán actividades específicas para eles, como unha Festas dos nenos durante todo o día 25 na Alameda, con descontos especiais do 50% nas atraccións alí instaladas. Tamén os de máis idade terán unha cita, no Recinto Feiral de Amio, para xantar, bailar e divertirse o día 19 na VIX Festa dos maiores.

Festa da primavera

O mesmo día 19, outra festa, a da primavera, con desfile de 12 carrozas e animación polas rúas e na Alameda. Esta celebración está pensada para que toda a familia se reúna arredor dun gran desfile de cores e fantasía, inspirado nesta estación de ano. As carrozas percorrerán as seguintes rúas da cidade: Avenida de A Coruña, Juan Carlos I, Senra ata chegar á Alameda). Coa organización deste desfile preténdese evocar aos parques temáticos onde se mesturan as atraccións cos espectáculos posteriores.

No deporte, celebrarase unha nova entrega do Campionato de Chave e a Praza de Europa de Área Central vivirá durante tres etapas, entre o 17 e o 19, a Volta Ciclista Ascensión 2007, con chegadas na Avenida Juan Carlos I. Na mesma praza de Fontiñas terá lugar a "Volta á praza 2007". O Mercado Nacional de Gando acollerá unha vez máis o Concurso cabalar.

Documentos relacionados



Compartir: