SEMANA EUROPEA DA MOBILIDADE

O PMUS e a licitación do transporte público protagonizan a reunión do plenario do Pacto Local pola Mobilidade

22/09/2023 O edificio Cersia de San Lázaro acolleu esta tarde a reunión do plenario do Pacto Local pola Mobilidade, a primeira deste órgano desde 2018. Na xuntanza, presidida pola alcaldesa, Goretti Sanmartín, o concelleiro de Mobilidade deu conta do estado no que se atopan tanto a elaboración do Plan de Mobilidade Urbana Sostible como a licitación do servizo de transporte público. Xan Duro fixo un chamamento ao conxunto da Corporación municipal e a todas as entidades representadas no Pacto "para colaborar e avanzar cara unha mobilidade máis sostible e eficiente, porque ese é un dos principais retos que tén por diante Santiago".

Licitación do servizo de transporte público

O concelleiro de Mobilidade explicou no plenario a situación na que se atopa o servizo de transporte público, "unha vez que o Goberno se viu obrigado a paralizar a licitación que estaba en marcha por indicación dos técnicos municipais, e habida conta tanto dos recursos admitidos polo TacGal contra os anteriores pregos como a suba salarial vinculada ao novo convenio colectivo dos traballadores do transporte por estrada". Xan Duro apuntou que se están a realizar novos estudos económicos "introducindo algunhas melloras con respecto aos anteriores pregos no que tén que ver coas liñas e as frecuencias". O edil sinalou que "á espera dos resultados deses informes, sí está tomada a decisión de incorporar un servizo de bus nocturno, con dúas liñas que funcionarán ata as cinco da mañá de mércores a sábados". Tamén se incluirá unha liña de bus lanzadeira ao aeroporto, "que evitará os problemas que se veñen producindo na actualidade, tanto con viaxeiros da terminal como cos veciños e veciñas que denuncian atrasos porque os autobuses chegan cheos ás súas paradas". O obxectivo do Goberno, explicou Xan Duro, é que os estudos económicos estean rematados antes de final deste ano, para que a licitación poida comezar canto antes.

Plan de Mobilidade Urbana Sostible

No plenario do Pacto Local pola Mobilidade tamén participaron os responsables da redacción do Plan de Mobilidade Urbana e Sostible, que foi adxudicada á empresa EPTISA-CPS. Foi para dar conta dos traballos realizados ata o de agora, e das cuestións pendentes de cara á aprobación do documento. Tal e como explicaron, unha vez realizada unha diagnose sobre cuestións como a mobilidade ciclista, o transporte público, a rede viaria ou os aparcamentos, comezará a fase de definición das liñas de actuación e elaboración do documento final, no que se recollerán medidas concretas a implantar. Nesta fase seguirase fomentando a participación da veciñanza, e está prevista a celebración do II Foro da mobilidade.

Outros temas

No plenario do Pacto Local pola Mobilidade tamén se deu conta do inicio dun estudo para mellorar o transporte e a mobilidade no rural do municipio, que lle foi encargado a Miguel Pazos Otón, xeógrafo da Universidade de Santiago experto en temas de mobilidade. Ademais, o concelleiro Xan Duro deu conta dalgunhas das iniciativas nas que está traballando o seu departamento co obxectivo de fomentar a mobilidade ciclista e peonil en Santiago.

Compartir: