BENESTAR SOCIAL

Entrega de premios aos rapaces e rapazas que participaron no torneo de fútbol do Programa de educadores de rúa

09/05/2007 O Programa de educadores de rúa concluíu unha das súas actividades, o torneo de fútbol sala, coa entrega de premios aos participantes. A Concellería de Benestar Social puxo en marcha esta experiencia piloto no mes de xaneiro e nela están a participar 150 rapaces e rapazas do barrio de Fontiñas, que están a disfrutar dun ocio alternativo e saudable.

A concelleira de Benestar Social, Adelaida Negreira, presidiu a entrega dos trofeos dun torneo no que participaron 80 rapaces e rapazas, 50 de primaria e 30 de secundaria. Houbo premios para todos, e agasallos especiais para os equipos gañadores e para os máis deportivos.

No torneo de fútbol sala tomaron parte alumnos dos colexios de Fontiñas, Monte dos Postes e Antón Fraguas, que colaboraron coas súas instalacións e coa cesión de material nesta iniciativa. Non obstante, foron os propios rapaces os encargados de boa parte da organización, como a formación de equipos, a elaboración do calendario ou a impresión e colocación dos carteis.

O torneo de fútbol foi a resposta á propia demanda dos rapaces, que solicitaran esta actividade alá polo mes de xaneiro cando se lles pediu que amosaran as súas preferencias. O seu obxectivo era, como apunta o educador Pablo Navas, "fomentar a convivencia e o xogo en equipo, non a competitividade, e por iso hai agasallos para todos".

O Programa de educadores de rúa está a desenvolverse dende o mes de xaneiro en Fontiñas e del ocúpanse os educadores Pablo Navas e Tareixa Martínez. Pensouse coma unha iniciativa para fomentar un ocio saudable e combater así factores de risco social. Inicialmente, os educadores coñeceron o barrio, os seus recursos e as entidades que traballan nel. A partir de aí estableceuse o contacto cos rapaces para crear unha relación de confianza e programar as actividades. Un total de 150 toman parte no programa.

Tal como indica Pablo Navas, "preténdese que os rapaces teñan a figura dun adulto como referencia". Os educadores de rúa "están con eles e comparten o seu tempo de ocio". Neste sentido as actividades son diversas, dende as máis cotiás do seu lecer a outras programadas, como este torneo de fútbol sala ou no seu día as visitas á pista de xeo de Salgueiriños.

Compartir: