CONSORCIO

A exposición 'Lorca en Compostela' recibiu en dous meses preto de 13.000 persoas

18/09/2023 Converteuse xa na mostra máis visitada desde a apertura da Casa do Cabido como sala de exposicións. Agárdase incrementar estas cifras coas visitas dos grupos escolares a partir deste mes

A mostra 'Lorca en Compostela', aberta ao público desde o 20 de xullo na Casa do Cabido, recibiu ata mediados deste mes de setembro preto de 13.000 visitantes, o que supón case o 60% de persoas que recibe habitualmente nun ano natural a sala de exposicións da praza de Praterías.

Desta maneira, a exhibición dedicada ao poeta de Fuentevaqueros converteuse xa na máis visitada nos once anos que leva aberta a Casa do Cabido como lugar para exposicións.

Agora, co inicio do curso académico, agárdase incrementar estas cifras coas visitas dos grupos escolares, que poden solicitar realizar un percorrido pola mostra no teléfono da Casa do Cabido 981 57 66 61 ou no enderezo electrónico visitas@consorciodesantiago.org.

O horario de apertura ao público é de 10 a 14 horas e de 17 a 21 horas de martes a sábado, sendo os domingos de 11 a 14h. Estará dispoñible ata comezos do mes de novembro.

Fascinado por Galicia

Esta mostra foi comisariada polo editor e escritor Henrique Alvarellos e está estruturada en dez apartados con máis de 80 pezas e documentos, cedidos por 25 institucións e particulares, e dos que algún deles se exhiben por primeira vez ao público.

Nela, os asistentes terán oportunidade de ver manuscritos orixinais de Lorca (poemas e dedicatorias), debuxos que realizou en Santiago no Hotel Compostela en 1932, imaxes en movemento da xira por Galicia da compañía La Barraca montando o escenario na Quintana ou paseando Lorca por Vigo, edicións únicas dos Seis poemas galegos (dende a primeira de 1935 ata singulares traducións ao xaponés ou ao lunfardo) e mesmo poderá escoitar o poeta tocando o piano e a Blanco-Amor recitando en Bos Aires en 1959 a "Danza da lúa en Santiago".

A través deses dez apartados reflíctese a fascinación que tiña García Lorca pola cidade de Santiago, pola cultura galega así como as homenaxes que fai a Rosalía de Castro, a quen sentía como "unha alma irmá".

Por primeira vez na historia reúnese tal cantidade de documentación arredor de Lorca e Santiago, un autor que chegaría a definirse, nunha viaxe a Bos Aires, como "poeta gallego". Consecuentemente, o seu amigo Eduardo Blanco Amor chegaría a afirmar que Lorca quedou "fulminado" por Compostela.

Compartir: