PROMOCIÓN ECONÓMICA

O Concello impulsa un programa de dinamización económica nos barrios periféricos, baixo o lema "Vitamina B de Barrio"

14/09/2023 A Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude pon en marcha Vitamina B de Barrio unha iniciativa da acción "Aposta por ti, aposta polo teu Barrio" da EDUSI REVIVE de Santiago de Compostela, coa que o Concello de Santiago pretende traballar as competencias emprendedoras nos ámbitos identificados como prioritarios para o desenvolvemento económico do concello.

Busca unha mellora identificación e lanzamento de novos proxectos empresariais, achegando a cultura empresarial e as competencias claves para o emprendemento, a mellora empresarial e a busca activa de emprego nos barrios e no entorno rural do Concello. Ao seu abeiro vanse desenvolver diferentes liñas de traballo, dirixidas a persoas emprendedoras, a comerciantes en activo que queiran mellorar os seus negocios, e á cidadanía en xeral.

A iniciativa chegará nas próximas semanas á Peregrina, San Lázaro, Santa Marta e Sar, a través de diferentes accións formativas e de concienciación, que se poden consultar na web vitaminabe.com. Na mesma páxina están xa habilitados os formularios de inscrición nas actividades.

Accións formativas

Na primeira das accións do programa, baixo a denominación "Emprende no teu barrio/Mellora o comercio do teu barrio" impartiránse accións formativas sobre cuestións como estratexia, mercadotecnia, finanzas ou comunicación. Será unha semana de aulas, en horario de mañá, en cada un dos catro barrios implicados no proxecto, que irán acompañadas de titorías personalizadas para os participantes. A acción arrancará o próximo 18 de setembro en Sar.

A segunda das propostas tamén de carácter formativo e de orientación profesional será "O talento do noso barrio", dirixida á veciñanza dos catro barrios implicados no programa. Neste caso, as aulas impartiránse polas tardes, tamén ao longo dunha semana en cada unha das zonas, e tamén se completarán con titorías personalizadas.

"Barriohub" é a terceira das accións do "Vitamina B de Barrio". Neste caso, elaboraránse unha serie de 20 pilulas de formación, de temáticas moi diferentes, como xestión do tempo, traballo en equipo, resolución de conflitos, ou xestión dos custos e dos ingresos, que estarán ao dispor da cidadanía dos barrios para ampliar a súa capacitación con independencia das súas dispoñibilidades horarias.

Participación e concienciación

O programa inclúe tamén a acción "Experiencia do teu barrio", que prevé a celebración, xa no mes de outubro, de cinco foros de opinión en cada un dos barrios participantes, para que sexan as propias empresas e comerciantes as que compartan as súas experiencias. Nestes encontros abordaránse temáticas como o emprendemento, o sustentabilidade, ou o fomento do consumo de proximidade.

Por último, prevense accións nos centros socioculturais e educativos de Sar, Santa Marta, San Lázaro e A Peregrina, baixo o nome "Conciencia de barrio", para fomentar entre as familias o consumo de proximidade e responsable.

Estas accións de concienciación completaranse ao longo do mes de outubro cunha campaña de animación ao consumo de proximidade nos barrios obxecto desta iniciativa.

As datas concretas nas que se van celebrar as diferentes accións pódense consultar na páxina web vitaminabe.com, onde xa se pode realizar tamén a inscrición nas actividades.

Esta actuación forma parte da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado do Concello de Santiago (EDUSI Santiago) cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020 nun 80%, sendo o 20% restante con cargo a dotación económica municipal.

Direcciones relacionadas



Compartir: