EDUCACIÓN

A escola infantil de San Roque estará en funcionamento no curso 2007-2008

08/05/2007 A concelleira de Educación e Mocidade, Elvira Cienfuegos, e a secretaria xeral da Igualdade, Carme Adán, visitaron as obras da Escola Infantil de San Roque. Os traballos avanzan a bo ritmo, co obxectivo de que o centro estea listo para o curso 2007-2008.

A concelleira de Educación, sentiuse satisfeita por poder aumentar a oferta de escolas de Educación Infantil, xa que esta de San Roque unirase ás de Conxo e As Fontiñas, que xa están en funcionamento. Cienfuegos engadiu, ademais, que esta escola infantil de San Roque, incluirase dentro da rede de galescolas, tal e como as que están xa proxectadas no Polígono do Tambre e no Ensanche.

A escola de San Roque contará con 61 prazas para nenos entre 0 e 3 anos (40 para nenos e nenas de 2 a 3 anos; 13 para os que teñan de 1 a 2 anos; e 8 prazas para os menores de 1 ano). Pero estas prazas son a xornada completa, polo que a capacidade da escola incrementarase dependendo do número de demandas existentes a tempo parcial.

Está situada nunha parcela de 650 metros cadrados, situada entre a Rúa das Rodas e a Rúa Valle-Inclán, no borde oeste do parque de San Roque, que se verá a través de grandes cristaleiras desde a escola, o que a converte nun espazo moi agradable. Conta cunha superficie total útil de 480 metros cadrados e dispoñerá de 3 corpos organizados como tres bloques de actividades, dúas plantas e un patio exterior de xogos.

Na planta baixa estarán a zona principal, as aulas, o comedor, a cociña e a administración, así como un patio exterior comunicado con todas as aulas e co corredor que divide a zona da cociña coa zona docente. Consta dun espazo axardinado dotado con elementos de aprendizaxe e de xogo. No primeiro piso haberá dous despachos, unha sala para profesorado e un vestiario.

Compartir: