POLÍTICA LINGÜÍSTICA

En galego, dende o berce

08/05/2007 Unha nova campaña da Concellería de Política Lingüística promoverá a transmisión interxeracional do galego. A iniciativa difundirá o uso do idioma dende a etapa do embarazo ata que o nome do novo neno é inscrito no Rexistro Civil.

O obxectivo da campaña é sensibilizar ás familias sobre as vantaxes de que os seus fillos e fillas coñezan a lingua galega, así como da conveniencia de que a adquiran de forma temperá, como mellor garantía para que se instalen nela de xeito adecuado e poidan despois acceder a outros idiomas.

A campaña ten tres etapas. A primeira, baixo o lema "Son un bebé galego", desenvolverase na etapa do embarazo, co obxecto de concienciar aos novos pais sobre a necesaria difusión do idioma. Distribuiranse 10.000 folletos en clínicas xinecolóxicas, matronas, tendas de roupa e material para bebés, etc. Nesta iniciativa colabora a Área Sanitaria de Atención Primaria de Santiago.

A segunda parte da campaña realízase no momento do parto e leva a mensaxe de "Fálame, fáloche". Consta na difusión dunha carpeta informativa que inclúe un babeiro con palabras usuais nos primeiros meses de vida. Na carpeta explícaselle aos novos pais "non só as bondades de falarlles aos nenos en galego, senón que tamén se lle dan consellos para incentivar as capacidades lingüísticas na educación", apuntou o concelleiro de Política Lingüística, Manuel Portas, na presentación.

Finalmente e baixo o lema "Son un cidadán/á galego/a", desenvolverase unha campaña "recordatoria" desa necesaria transmisión xeracional, coa distribución de 1.000 bonecos de peluche entre os pais composteláns que acudan ao Rexistro Civil. O boneco leva unha mensaxe de autoafirmación lingüística.

"A Administración ten que asumir o seu papel, pero a sociedade debe participar nos procesos de normalización para que a nosa lingua recupere os seus usos", indicou Portas a propósito do lanzamento destas campañas.

Na Administración local

O concelleiro presentou tamén outra campaña, neste caso dirixida á lograr a implicación directa do persoal do Concello no proceso normalizador e mellorar a súa competencia lingüística. Os seus obxectivos son sistematizar o servizo interno de asesoramento lingüístico, unificar os modelos de documentos e elaborar indicacións claras de estilo e corrección lingüística e actualizar os coñecementos normativos.

Con esta fin editáronse 2.000 exemplares dun Libro de estilo, onde se recollen criterios lingüísticos, informativos, de presentación, un repertorio de documentos habituais, aspectos comunicativos, formais, etc. O libro será difundido entre os traballadores e traballadoras do Concello. Ademais, os contidos da publicación serán traballados nun curso, distribuído en dúas quendas, unha os días 10, 11 e 16 de maio, e outra do 21 ao 23 de maio.

A campaña complementarse coa distribución de diverso material promocional: 8.000 marcapáxinas informativos, 750 portacds de latón e 750 tarxeteiros.

Compartir: