SUSTENTABILIDADE AMBIENTAL

Comezan as obras de remodelación do parque infantil da Alameda

11/07/2023 O concelleiro de Parques e Xardíns, Xesús Domínguez, visitou esta mañá a área de xogos infantís da Alameda con motivo do inicio das obras de remodelación do equipamento, que conta xa con 15 anos. A este novo parque sumaranse os da praza de Léon, en obras desde onte, e os do Avío e Vista Alegre.

O edil de Sustentabilidade Ambiental cualificou esta obra, que conta cun prazo de execución de 4 meses, como "moi necesaria" ao tratarse dun parque "con moitísimo uso por parte dos cativos e as cativas da cidade" e que xa tiña máis de 15 anos. Destinarase un orzamento de 300.500 euros para a remodelación completa, que suporá a incorporación de xogos novos, pavimento de caucho, areeiro, tirolina, etc, e o mantemento da vexetación da contorna.

Catro parques novos e plan de mantemento para os 82 equipamentos

Esta obra súmase á do parque da praza de León, que comezou onte. Esta nova praza, na zona da Pontepedriña, será un gran espazo arborizado que acollerá unha nova área de xogos infantís.

Domínguez lembrou tamén que xa está adxudicada a obra do parque infantil do Avío, cun prazo de execución de 4 meses e un orzamento de 111.552,95 euros, e en fase de redacción de proxecto a nova árera de xogos de Vista Alegre.

A actuación nos parques completarase cun plan de mantemento para o global das 82 áreas de xogos infantís coas que conta o concello, que se incluirá nos orzamentos do ano que vén. O concelleiro non descartou engadir tamén novos equipamentos naquelas zonas "onde foi medrando a cidade".

Compartir: