CONSORCIO

A exposición 'Mirar a cidade' do fotógrafo Fuco Reyes estará aberta na Casa do Cabido ata o vindeiro 16 de xullo

04/07/2023 A presidenta do Consorcio, Goretti Sanmartín, e membros da Corporación Municipal visitaron este martes na Casa do Cabido a exposición 'Mirar a cidade. Unha visión poliédrica' que amosa instantáneas tomadas polo fotógrafo santiagués Fuco Reyes e que acolle desde mediados do mes de maio a sala de exposicións da praza de Praterías.

Esta mostra, que inclúe 50 fotografías de diversos recunchos da cidade, é unha visión persoal de Santiago desde a mirada do autor. "Construímos unha cidade invisible, un imaxinario persoal e singular de Compostela", incide Fuco Reyes. Segundo el, o que busca a colección é "a idea de pensar Compostela dun xeito distinto e que ten unha certa poesía tamén", engade o fotógrafo.

Goretti Sanmartín insistiu en facer un chamamento a visitar a Casa do Cabido estes últimos días. "Queremos aproveitar esta visita para difundir esta exposición e facer un chamamento a toda persoa que nos visita que a vexa, porque é unha ollada diferente", indicou a Goretti Sanmartín. "Son espazos retratados de distinta maneira que nos fai pensar en espazos e lugares cunha perspectiva diferente", engadiu.

Esta exposición está aberta ao público ata o vindeiro domingo, 16 de xullo, en horario de mañá e tarde (10h a 14h e 17h a 21h) de martes a sábado e os domingos de 11h a 14h.

Compartir: