EIXO ATLÁNTICO

O Eixo Atlántico debate a admisión de novos membros

07/05/2007 Os criterios para a admisión de novos membros foi o principal punto da Comisión Executiva do Eixo Atlántico, celebrada en Santiago baixo a presidencia do alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo.

Na xuntanza, estudáronse os posibles criterios de admisión, entre os que se contemplarán cuestións como a representatividade de zonas xeográficas ata agora non presentes no Eixo Atlántico, a poboación, a distancia entre os propios municipios ou elementos de singularidade como a presenza dunha universidade ou a declaración como Patrimonio da Humanidade.

Segundo indicou Sánchez Bugallo, abrirase un período de consultas cos membros da Executiva do Eixo para perfilar definitivamente estes criterios "aínda nono pechados". O obxectivo é que poidan ser aprobados nunha Asemblea Xeral que se celebrará en xullo ou en setembro.

Na reunión da Comisión Executiva tamén se aprobou definitivamente o Mapa de Infraestruturas e a Axenda Estratéxica.

Invitación da Comisión Europea

Noutra orde de cousas, o Eixo Atlántico foi invitado a dar unha conferencia no mes de outubro no marco dos "Open days", organizados pola Comisión Europea. Este convite responde ao recoñecemento do Eixo como modelo de boa práctica Europa en cooperación transfronteiriza.

Compartir: