SEGURIDADE

O Plan Municipal de Emerxencia establecerá os riscos potenciais en Compostela e os mecanismos de actuación fronte aos mesmos

07/05/2007 O Goberno local adxudicou, por un importe de 47.550, a asistencia técnica para a elaboración, implantación e actualización do Plan de Emerxencia Territorial de Protección Civil de Santiago de Compostela. Nun prazo de dous meses estará listo este Plan, que determinará as actuacións a levar a cabo ante calquera situación de risco na cidade.

O Plan consta de tres fases. Na primeira identificaranse os riscos potenciais de Santiago: inundacións, ventos, seca, seísmos, afundimentos, incendios, agresións industriais, riscos do transporte, riscos en actividades deportivas, riscos en grandes concentracións, riscos sanitarios, fallos de servizos públicos ou riscos por contaminación, entre outros. Analizaranse as consecuencias de cada un deles e achegaranse as medidas preventivas fronte a cada un dos mesmos. O Plan tamén fixará a organización local de Protección Civil, determinando o organigrama e a función de cada un dos membros.

O programa prevé o establecemento de distintos niveis de alarma en un plan de actuacións para cada un deles, con medidas para protexer a poboación e os bens: avisos, control de accesos, confinamento, evacuación e rehabilitación.

Guías e actualización

Nunha segunda fase crearanse guías de resposta para os cinco riscos máis relevantes. Explicaranse as causas e efectos, as medidas específicas para facerlle fronte, os danos que poidan causar estes riscos e as medidas de actuación.

Finalmente, a terceira fase consistirá na implantación efectiva deste Plan, que se enmarca dentro do Plan Territorial de Protección Civil de Galicia (PLATERGA). Un dos aspectos destacados do programa de Compostela é que contará cun soporte informático que permitirá telo constantemente actualizado.

Compartir: