INFRAESTRUTURAS

Unha nova autovía entre Padrón e Sigueiro absorberá boa parte do tráfico que agora atravesa a cidade

07/05/2007 Os alcaldes de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo; Ames, Carlos Fernández; e Oroso, Manuel Mirás; ademais do parlamentario Ceferino Díaz, anunciaron a posta en marcha do proxecto para construír unha autovía de 35 quilómetros, que enlazará Oroso con Padrón. Esta obra suporá un considerable alivio de tráfico, especialmente do pesado, para estes tres concellos. O seu custo estímase nuns 122 millóns de euros.

O parlamentario Ceferino Díaz comunicou que xa se encargou o estudo informativo para esta infraestrutura, onde se formularán as alternativas para a construción desta autovía de alta capacidade. Darase así resposta á saturación de tráfico que rexistra a N-550 ao paso por Santiago, Ames e Oroso. Polo que respecta a Compostela, permitirá conectar o norte e o sur da cidade e contará con enlaces coa autovía de Ourense e coa futura autovía de Brión.

Segundo o alcalde de Santiago, esta solución logra tres obxectivos: "quita un importante volume de tráfico pesado do centro da cidade, mellora a comunicación entre o o norte e o sur de Galicia e crea novas expectativas de crecemento naquelas zonas polas que irá a autovía". Nestes mesmos termos pronunciáronse Carlos Fernández e Manuel Mirás, que resaltaron o significativo número de vehículos que pasan cada día polos núcleos de Sigueiro e Milladoiro.

Sánchez Bugallo resaltou que, en calquera caso, esta actuación "non é contraditoria" con outras xa previstas na cidade e comprometidas polo Ministerio de Fomento, como o terceiro carril en San Lázaro, o desdobramento do Tambre ou os pasos inferiores de Galuresa e Conxo, proxectados coa perspectiva do 2008. Tamén queda pendente o terceiro carril da autopista AP-9, que en palabras do alcalde estímase para 2010.

Compartir: