TURISMO

National Geographic China visita Santiago para facer unha ampla reportaxe na súa edición de outubro

25/05/2023 Tamén se elaborará un documental para distribuir a través da páxina web e das redes sociais da revista.

Turismo de Santiago amousou hoxe a cidade a un grupo de xornalistas da edición china da revista National Geographic, incluída a súa xefa de redacción, co obxectivo de elaborar unha ampla reportaxe de 14 páxinas sobre tres cidades Patrimonio da Humanidade españolas, Santiago de Compostela, Alcalá de Henares e Cuenca, que se publicará no número de outubro da revista.

Ademais, o grupo de enviados de National Geographic elaborarán tamén un documental sobre as tres cidades, que distribuirán a través da súa páxina web e das súas redes sociais, que teñen unha penetración moi importante entre os viaxeiros chineses de longa distancia interesados na patrimonio e as cidades monumentais europeas.

O concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, recibiu aos xornalistas de National Geographic no Pazo de Raxoi, onde puideron tomar imaxes tanto dos interiores do Concello como tamén das vistas da Praza do Obradoiro dende os balcóns da sede municipal.

Nesta viaxe de xornalistas, ademais de Turismo de Santiago colaboran a Oficina Española de Turismo en Pekín, Paradores e as oficinas de turismo de Alcalá de Henares e Cuenca, que xunto con Santiago forman parte do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España.

A presenza de turismo chinés en Santiago é ata o momento reducida en comparación con outros mercados asiáticos como Xapón e Corea do Sur, aínda que nos anos previos á pandemia comezaba a ter xa uns números máis relevantes. Así, dos apenas 50 pereginos chineses que houbo no 2010, pasouse a máis de 1.000 no ano 2019.

O obxectivo de Turismo de Santiago a través de accións como esta é incrementar a presenza da cidade nun mercado cun potencial inmenso para continuar diversificando os mercados emisores de longa distancia cara a cidade.

Compartir: