EDUCACIÓN

A Escola Municipal de Música celebra o seu Festival de Música e Movemento

24/05/2023 O Festival de Música e Movemento da Escola Municipal de Música de Santiago que arrancou onte, ofrecerá esta tarde unha nova sesión ás 18:30 horas no Teatro Principal.

A idea na que se inspira o concerto do Departamento de Música e Movemento da EMM xorde dun proxecto musical publicado pola editorial Bellaterra – Un día en el Mar – das pedagogas Susana Pérez e Eugenia Arús. Trátase dun manual específico de Música e Movemento, especialidade pola que a editorial leva anos apostando a través de diversas publicacións con propostas de moito interese educativo para o desenvolvemento da musicalidade dos nenos e nenas máis pequenas e cunha notable calidade musical no disco adxunto.

Para o festival o profesorado especialista da EMM fixo unha selección de números musicais para cantar e bailar, traducidos polo equipo pedagóxico de Música e Movemento da Escola ao galego. As distintas pezas traballan temas nos que cantar e bailar un día na praia, bañados polo sol e o salitre do Atlántico.

Neste festival participan máis de 170 nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e os 7 anos de idade acompañados polas súas familias.

Programa

Baixo o título "Vivo no Atlántico!", os cativos e cativas interpretarán as seguintes pezas:

1- Poñémonos crema
2- Os xurelos
3-O golfiño
4- A balea
5- O escualo
6- Pobre polbo
7- Canto mariñeiro
8- Se as estrelas...
9- Xogamos na aera
10- O golfiño e a lúa
11- Xogamos á pelota
12- Paseamos polas rochas
13- Recollemos!



Compartir: