PARQUES E XARDÍNS

Novas áreas de lecer en Meixonfrío e Figueiras

05/05/2007 Os veciños de Meixonfrío e Figueiras contan xa con novas áreas de recreo nas súas zonas. O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, inaugurou o parque Pozo da Neve (Meixonfrío), e a praza "José Carballal" (Figueiras).

O parque de Pozo da Neve ten unha superficie total de 5.000 metros cadrados e para o seu acondicionamento o Concello investiu 75.000 euros. Conta cunha área de xogos infantís, equipada co seu mobiliario correspondente, ademais de bancos, papeleiras, fontes e outros equipamentos. A zona complétase con elementos separadores de áreas, que tamén serven de asentos.

A vexetación plantada é basicamente arbustiva, tanto de folla caduca coma perenne. A mestura de diferentes especies permite achegar cor e texturas variadas. O parque ten tres tipos de pavimentos: o formado de chapa plana con pedra de Santiago; o solo continuo de caucho na área de xogos infantís; e paseos de xabre natural. O resto da superficie é de céspede.

Actuación en Figueiras

Na parroquia de Figueiras, o rexedor compostelán inaugurou a praza "José Carballal", en homenaxe a un veciño finado do lugar. Foi un sentido acto no que participaron a viuva e a familia deste veciño.

Nesta área procedeuse ao acondicionamento dos terreos públicos para o aproveitamento do campo da festa como pista polideportiva e como zona de lecer, onde se instalou o mobiliario correspondente (bancos, papeleiras, alumeado, etc.). O orzamento destinado a esta actuación foi de 75.000 euros.

Na mesma parroquia, o Concello de Santiago de Compostela realizou dúas intervencións na zona de Moas de Arriba. En primeiro lugar, acondicionouse o campo da festa e creáronse dúas zonas diferenciadas: unha para os máis pequenos e outra para a práctica do baloncesto. Nunha segunda actuación, acondicionouse un espazo como área de lecer, con paseos, arboreda, mesas e bancos. Estas dúas intervencións supuxeron un investimento de 60.000 euros.

Compartir: