CULTURA E EDUCACIÓN

O Centro de Formación e Creación Cultural estará funcionando no verán

04/05/2007 O concelleiro de Cultura, Néstor Rego; a concelleira de Educación e Mocidade, Elvira Cienfuegos e o director xeral de Xuventude, Rubén Cela, visitaron esta as obras do centro de Formación e Creación que se está a construir a carón do CEIP Santiago Apóstolo. As obras, que consisten na rehabilitación dun edificio anexo ao do Colexio, marchan segundo o previsto, polo que rematarán no mes de maio. Polo tanto, o centro, que segundo a concelleira de Educación se converterá en "punto de referencia para os novos creadores da cidade de todas as correntes artísticas", estará funcionando este verán.

O concelleiro de Cultura, Néstor Rego, asegurou que esta instalación nace "dentro dunha liña de traballo permanente de promover a creación e a produción cultural da cidade" que pasa por "poñer a disposición dos dinamizadores culturais espazos como este". Rego destacou o lugar onde se está a construir o centro.

Lembrou que a Concellaría de Educación rehabilitou practicamente todo o CEIP Santiago Apóstolo, o que o converteu nunha das escolas mellor equipadas da cidade e que, nese mesmo recinto, está instalada a Escola Municipal de Música, polo que a Almáciga se está a converter, segundo o concelleiro, nun centro educativo e cultural da cidade e iso contribúe a "facer barrio, facer cidade". Tanto Cienfuegos como Rego agradeceron a colaboración da Vicepresidencia da Xunta de Galicia, que colabora a través da Dirección Xeral de Xuventude.

Pola súa banda, o director Xeral de Xuventude, Rubén Cela, salientou que este centro responde a dous principios básicos en materia de política xuvenil e cultural: a recuperación de instalacións para poñelas ao servizo da cidadanía. Engadiu que con este centro "Santiago sitúase na vangarda do pais neste tipo de instalacións"

Cabida para diversas correntes artísticas

Cursos e obradoiros artísticos (expresión teatral, circo, artes plásticas, comic, etc...), encontros, intercambios con outras cidades, programación de concursos e exposicións. O obxectivo é ofrecer un lugar onde os creadores e creadoras poidan ver facilitado e reforzado o seu traballo artístico e a súa capacidade de organización e, ao mesmo tempo, facilitar ao público o acceso ás correntes artísticas máis actuais

Este espazo municipal pretende tamén servir de trampolín dos artistas máis novos que por razóns diversas non contan con lugares estables onde desenvolver o proceso creativo. Son moitos os colectivos de mozos e mozas de Compostela interesados en promover a arte e as súas formas de expresión contribuíndo a facer entender o mundo a través da capacidade creativa.

Trátase pois de crear un soporte estable, con medios accesibles na perspectiva da racionalización dos recursos existentes na cidade. O obxectivo é que a mocidade teña un lugar onde formarse, onde desenvolver a súa creatividade e onde amosar os resultados da mesma.

Compartir: