INFRAESTRUTURAS

A nova terminal de Lavacolla terá capacidade para máis de catro millóns de pasaxeiros

04/05/2007 Para o ano 2010 Santiago contará cunha nova terminal aeroportuaria con capacidade para máis de catro millóns de pasaxeiros, o tráfico previsto para o ano 2020. O proxecto do novo edificio inclúe tamén un aparcadoiro con capacidade para uns 3.700 vehículos, as glorietas e vieiros de acceso e a urbanización da zona.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, presentou o proxecto da nova terminal xunto coa directora de Infraestruturas de Aena, Amparo Brea, e o director do Aeroporto de Lavacolla, Juan José Maceira. A actuación foi licitada recentemente, cun orzamento de 171.486.536 euros e un prazo de execución de 26 meses, co obxectivo de que estea en funcionamento en 2010.

A este prazo se referiu Sánchez Bugallo, que agradeceu a Aena a súa "sensibilidade" para adiantar a execución do Plan Director de Lavacolla, que prevía inicialmente que a obra se iniciara en 2013. Ademais, incidiu na "importancia estratéxica" que a nova terminal terá como porta de entrada do turismo e para a actividade económica de Santiago.

O edificio terminal, cun total de 74.230 metros cadrados, configúrase en dous corpos claramente diferenciados. Por un lado, un edificio procesador deseñado en forma rectangular que dispón de dúas plantas destinadas ao pasaxeiro (a inferior de chegadas e a superior de facturación), dúas plantas parciais para compañías, operacións e servizos aeroportuarios, dúas entreplantas parciais para o tratamento de equipaxes e un soto para instalacións, almacéns e servizos xerais.

Na planta de facturación, o pasaxeiro contará con 32 mostradores, dous deles para equipaxes especiais; e na de chegadas haberá seis hipódromos de recollida de maletas convencionais e dous máis para equipaxes especiais.

Como continuación a este edificio procesador, pero como corpo independente atópase o edificio dique en forma de "Y". Este edificio dispón dunha planta superior destinada a control de seguridade, zonas comerciais e embarque; unha planta inferior, a nivel de plataforma, para patio de carros de equipaxes e servizos handling; e una entreplanta destinada a distribución e inspección de equipaxes. A zona de embarque contará con dez portas de embarque con acceso a seis prepasarelas e dúas portas de embarque máis para acceso en remoto.

Aparcadoiro de 3.665 prazas

Por outra parte, o edificio de aparcadoiro ten unha superficie de 150.400 metros cadrados e está configurado con cinco plantas, das cales a inferior está destinada a aluguer de coches e as outras catro como aparcadoiro público.

En total crearanse 3.665 prazas de aparcadoiro para vehículos privados e de aluguer, para empregados, para taxis e para autobuses. O aparcadoiro permite a comunicación directa co procesador mediante catro amplos ascensores entre todas as plantas e as dúas operativas do procesador, sen necesidade de saír ao exterior. Neste edificio tamén se atopa integrada a bolsa de taxis e deseñouse de maneira que a súa cuberta (acabada cunha capa vexetal) se atope no nivel da planta de chegadas, permitindo a visión completa do contorno por parte dos pasaxeiros.

O acceso á nova área terminal realízase dende a rotonda de entrada ao aeroporto e o seu trazado fíxose de forma que o lazo se adapte na medida do posible ao terreo e que permita o acceso aos distintos niveles do edificio e do aparcadoiro.

Compartir: