CULTURA

Cultura asina un convenio de colaboración coa Asociación Cultural e Tempo Libre Novo Circo e Cabaret Galega por valor de 25.000 euros

03/05/2007 O concelleiro de Cultura, Néstor Rego, asinou un convenio de 25.000 euros coa Asociación de Animación Sociocultural e Tempo Libre Novo Circo e Cabaret Galega. No acto de sinatura tamén estivo presente o presidente da citada agrupación, Manuel Lago.

Néstor Rego sinalou que é o terceiro ano no que se firma este convenio de colaboración estable entre o Departamento que dirixe e a Asociación de Novo Circo e Cabaret Galega. Nesta edición, engadiu, a contía do mesmo aumentou debido tamén a que se programa un maior número de actividades.

Grazas a este convenio, o concelleiro de Cultura sinalou que se levarán a cabo ate un total de catro actividades, entre as que se atopan Pista4 Primavera; Pista4 Outono; Festival Artistas de Rúa d´Gorra 2007, un referente xa nas actividades de rúa da nosa cidade; e os Obradoiros Muncipais de Circo, que se comezaron a facer na pasada edición.

Pola súa banda, Manuel Lago agradeceu a colaboración prestada por parte da Concellaría de Cultura e sinalou que a boa relación existente entre as institucións públicas e o Novo Circo, en Compostela, así como no resto de Galicia, fan que esta actividade estea chegando cada vez máis a un maior número de persoas, que ven no circo unha forma máis de entretemento e ocio.

Ademais, resaltou, o Novo Circo en Galicia é un referente para o resto de España, onde outras agrupacións seguen os pasos que se están a dar en primeiro lugar na nosa cidade.

Compartir: