POLÍTICAS LINGÜÍSTICAS

Alingua desvela a campaña É túa. Pásaa! para apelar ao uso do galego no individual e no colectivo

19/04/2023 O lema para este ano está concebido como unha chamada á acción que será difundida a través dos dezanove concellos que forman parte da asociación, entre os que se atopa o Concello de Santiago. Unha pegadiza canción de estilo electro-latino realizada por Fátima Pego e Grande Amore centra as accións que se desenvolverán no primeiro semestre de 2023.

O Concello de Vilagarcía acolleu onte a presentación do programa de actividades para os vindeiros meses de Alingua, Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega. A asociación, que é xestionada a través dos servizos de normalización lingüística de dezanove concellos, entre os que se inclúe o de Santiago, inclúe entre os seus obxectivos fundamentais promover e dinamizar o emprego do galego. Con esta premisa hoxe presentáronse as accións que se desenvolverán no primeiro semestre do ano e que converxen baixo a campaña 'É túa. Pásaa!'. Este é o lema amosado a través de lonas en edificios municipais dos concellos participantes e esta mañá desvelouse que tamén é o retrouso da pegadiza canción que focaliza a mensaxe.

Na rolda de prensa participaron Sonia Outón e Tania García, concelleira de Cultura e Normalización Lingüística e tenente de alcalde do Concello de Vilagarcía de Arousa; Leticia Santos Paz, alcaldesa do Concello de Moaña, que exerce a vicepresidencia de Alingua; Victoria Quiroga Ramallo, concelleira de Cultura do Concello de Rois; e Martiña Pérez, unha das protagonistas da webserie que formará parte da axenda de actividades. Asistiron ademais o concelleiro de Políticas Lingüísticas de Santiago, Rubén Prol; o alcalde da Baña, Andrés García Cardeso; o de Ames, Blas García Piñeiro; a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro Díaz; concelleiros e concelleiras de Normalización Lingüística da Baña, Ames, Moaña, Narón e Pontevedra; técnicas e técnicos dos servizos de normalización lingüística dos distintos concellos participantes e o xefe do Servizo de Normalización Lingüística da Deputación de Pontevedra, Julio Vázquez Martínez.

Leticia Santos Paz comezou explicando os retos e funcionamento da asociación. "Alingua é unha asociación de entidades locais que é consciente das vantaxes do traballo cooperativo, da importancia fundamental da colaboración para a política lingüística, pois ademais de permitir rendibilizar esforzos, axuda a visibilizar as accións que se realizan para dinamizar o uso da lingua, facendo que acade un maior impacto e incidencia na sociedade. Unir esforzos, sempre suma", relatou. "Alingua ten os brazos abertos para calquera entidade que teña como obxectivo a defensa e a promoción do uso da lingua galega", incidiu.

O lema elixido para a nova campaña é 'É túa. Pásaa!'. "Este será o lema da campaña de Alingua no ano 2023 e fai unha chamada á acción: usa e transmite a túa lingua, o galego", comentou Victoria Quiroga Ramallo na rolda de prensa. Esa expresión xa se adiantou durante os últimos días amosándoo a través de grandes lonas penduradas das fachadas de edificios municipais dalgúns dos dezanove concellos que forman parte de Alingua e en valos publicitarios, e desvelouse o tema musical creado para transmitir esa mensaxe. Trátase dun tema realizado por Fátima Pego, recoñecida cantante e comunicadora, e Grande Amore, destacado artista do panorama musical actual, que "convida a coidar a lingua pero sobre todo convida a falala, a usala". Para dar continuidade á campaña repartirase material promocional como vinilos e bandeirolas, para que a veciñanza e os colectivos poidan facer visible o seu apoio a esta campaña e tamén para que aquelas persoas que non falan galego, se animen a dar o paso.

Xunto ao vídeo, no mes de maio estrearase nas distintas canles de Alingua a webserie en formato vlog 'O gran reto', na que tres persoas castelanfalantes amosarán a súa experiencia vivindo en galego durante 21 días. A creadora de contido María Rúa será a presentadora deste proxecto, no que cada protagonista fará un capítulo semanal con distintos desafíos e relatará a súa experiencia na transición lingüística.

"Esta acción recolle o convite do lema da campaña para animar a falar a todas esas persoas que lle queren ben á nosa lingua pero que non a dan falado. O propio lema da campaña É túa. Pásaa! xa anima as persoas a participar activamente, e tamén queremos esa participación "pasando" este reto a todas as persoas que se queiran sumar. Queremos que a xente se implique neste gran reto de probar a falar galego, e non só durante as tres semanas que dura, senón que se atrevan a dar o paso de falar esta lingua, pois para que unha lingua teña futuro, precisa falantes", explicou na rolda Victoria Quiroga Ramallo. Martiña Pérez, unha das participantes, admitiu que o desafío lle resulta "complexo por vivir nun contorno maioritariamente castelanfalante", pero confesouse preparada para a "aventura".

Alingua tamén publicará nas súas redes sociais os próximos meses entrevistas a persoas de diversos ámbitos que achegarán as súas vivencias coa lingua, novos recursos en galego ou sorteos para visitar o fondo mariño, entre outros contidos.

Sobre Alingua

Alingua, Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega, é unha entidade da que forman parte dezanove concellos galegos: A Baña, Ames, A Coruña, Betanzos, Carballo, Cedeira, Ferrol, Moaña, Narón, O Grove, Ponteceso, Pontevedra, Redondela, Ribadeo, Rianxo, Rois, Santiago de Compostela, Teo e Vilagarcía de Arousa; e a Deputación de Pontevedra como membro amigo.

Moitas destas institucións locais xa viñan colaborando en proxectos como Apego, Youtubeiras, Club de Debate ou Enreguéifate, e en 2019 crearon Alingua coa vontade de desenvolver proxectos conxuntos no ámbito da normalización do idioma entre diferentes concellos.

Pode formar parte de Alingua calquera entidade que teña como obxectivo a defensa e a promoción do uso da lingua galega. As entidades locais que compartan este obxectivo e o desenvolvan a través de servizos de normalización lingüística poden ser socias.

Direcciones relacionadas



Compartir: