CULTURA

"A Nosa Clave" xuntará a máis de 200 persoas sobre o escenario do Auditorio de Galicia

02/05/2007 O concelleiro de Cultura, Néstor Rego, presentou o programa de "A Nosa Clave 2007", que terá lugar o sábado 5 de maio e que reunirá a máis de 200 persoas xuntas no escenario do Auditorio de Galicia. O evento terá lugar ás 21:00 horas e a entrada será de balde.

"A Nosa Clave 2007" reúne sobre o escenario á Banda Sinfónica da Federación Galega de Bandas de Músicas Populares, con sete coros e corais de Compostela: o Coro do CEIP das Fontiñas; o Coro da Asociación Musical Solfa, organizadora do evento; o Coro Coto da Nai; a Coral Polifónica da Ponte Pedriña; a Coral Pontemantible; a Coral Polifónica A Salle; e a Coral Irmán Gómez.

Néstor Rego sinalou que a colaboración coa Nosa Clave 2007 segue unha liña de actuacións de cara ao apoio "á produción propia e á capacidade creadora ca cidade". Segundo indicou, "democratizar a cultura pasa por ter cidadáns que ademais de ser espectadores pasen a ser protagonistas da produción cultural". Rego quixo resaltar a "enorme calidade" deste espectáculo porque ademais de recrear pezas fano de modo conxunto, contando coa implicación de poetas, músicos, integrantes de coros, etc...

Pola súa banda, a presidenta da Asociación Cultural Musical Solfa, Lucía Carreira, amosou a súa satisfacción porque A Nosa Clave se estea a consolidar xa como un evento na cidade ademais de agradecer que tanto a Banda Sinfónica como todos os compoñentes das corais participen deste evento. Segundo Carreira, esta unión fai que todos e todas "nos sintamos parte da cultura do noso país e traballemos a prol dela".

O director da Banda Sinfónica da Federación Galega de Bandas de Músicas Populares, Carlos Seráns, incidiu no programa do evento, do que destacou as catro estreas mundiais que se farán dentro do concerto: "Rapsodia arousá", de Eligio Vila, tamén presente na rolda; "Fábulas do Pico Sacro", que Ernesto Campos compuxo para o gaiteiro Josele e que interpretará o mesmo Josele no Auditorio; "Poema da ausencia", de Manuel Olveira Paz, musicado por Seráns; e "Apreixar o vento", un poema de Marta Dacosta que tamén musicou o propio Seráns. Os dous poemas musicados están interpretados pola soprano Esperanza Filgueira. A estas catro estreas hai que engadirlle a "III Sinfonía" de J. Barnes, que interpretará a Banda Sinfónica; "Onde está?", tema sobre a paz que interpretan os máis de 100 nenos e nenas do Coro do CEIP As Fontiñas, e a coñecida "Lela", interpretada pola Banda e por todas as corais.

Por último, o director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luis Bará, tamén presente na rolda de prensa, expresou o seu apoio e o recoñecemento a esta iniciativa da Asociación Cultural-Musical Solfa, á que felicitou polo seu traballo neste evento, que cualificou de "moi cobizoso". Bará dixo que aínda que "A Nosa Clave" nacera e se celebraba en Compostela, "ten unha dimensión nacional e pon de relevo o valor da música popular galega".

Compartir: