FESTAS

A SD Compostela presenta o ‘Composfest’ que terá lugar durante as Festas da Ascensión

28/03/2023 Carlangas será o cabeza de cartel dun festival que ten Compostela como eixo e que se celebrará o venres 19 de maio na praza da Quintana no marco do programa de Festas da Ascensión do Concello de Santiago.

A SD Compostela culminará a celebración do 60 aniversario do club coa celebración do ‘Composfest’ o vindero venres 19 de maio na praza da Quintana, que se enmarcará no programa de nas próximas Festas da Ascensión 2023. Seguindo o lema que vén acompañando ao equipo toda esta temporada, o club compostelán, co apoio do Concello de Santago, propón un cartel composto por artistas e agrupacións cunha forte ligazón con Compostela: Carlangas, Ruxe Ruxe, Nastasia Zürcher e o regreso de Moncho Lago y Los Apóstoles.

O cartel do Composfest foi anunciado esta mañá no Pazo de Raxoi, nun acto no que estiveron presentes Sindo Guinarte, concelleiro de Festas; Juan Carlos Gesto, presidente da SD Compostela; Miguel Fernández, director de marketing da SD Compostela e Mónica Mejías da empresa Correveydile.

Durante a presentación, Sindo Guinarte salientou a aposta deste festival polos artistas e agrupacións locais, ou estreitamente vinculados a Santiago e que se trata dunha alternativa de ocio sen custe algún, xa que é de balde.

Cartel do Composfest

A emblemática Praza da Quintana volverá a tinguirse de azul de branco para esta gran noite musical. Será unha gran xornada festiva con acceso gratuíto e na que vibraremos coa mellor música.

Encabezando o cartel do festival estará o compostelano Carlangas, líder da extinta banda Novedades Carminha que volve ao panorama musical trala disolución do grupo para presentar na praza da Quintana o seu disco debut en solitario do que xa coñecemos destacados adiantos como os singles "Se acabó la broma", "Cae la noche" (no que colabora con Manu Chao) ou "Paseítos por Madrid".

Todas as persoas asistentes poderán gozar tamén da música de Ruxe Ruxe que tras 26 anos de destacadísima traxectoria, estreou este mes de marzo o seu novo proxecto musical "Unha noite no interior dunha faísca", no que se percibe unha evolución do seu son sen perder a esencia que os caracteriza. Despois dun 2022 cheo de concertos e festivais de gran renome, subiranse ao escenario do Composfest para celebrar o aniversario do SD Compostela en plenas festas da Ascensión e encherán o espacio cun rock galego sincero, emocional e de combate.

A homenaxe ao equipo de fútbol da cidade contará tamén con Nastasia Zürcher, galardoada como Artista do Ano nos premios Martín Códax da Música e premiada tamén polo seu último álbum "But Life is Beauty Full", deslombrando de seguro co seu estilo neo-soul, afro-funk e pop-folk e unha posta en escena luminosa e enerxética que xunto cos seus ritmos e melodías fará sentir e bailar a calquera que a escoite.

E para rematar, a velada musical contará con Moncho Lago y los Apóstoles, que chegados directamente dende a época da Movida Santiaguesa, subiranse unha vez mais aos escenarios para rememorar o disco que nos anos oitenta sacaron en honor ao Club SD Compostela, en formato casete.

O festival dará comezo ás 20:30 horas e durante case catro horas fará vibrar con boa música e mellor ambiente a todo o público que de seguro encherá a praza nunha noite musical con carácter gratuito para o desfrute de público local e visitante.

Compartir: