CONSORCIO

A catedral e tres igrexas da cidade acollerán o Compostela Organum Festival

02/05/2007 Entre o 5 e o 26 de maio a Catedral e tres igrexas da cidade -Ánimas, San Miguel dos Agros e San Paio de Antealtares, cuxos órganos foron restaurados polo Consorcio- acollen o ciclo de música Compostela Organum Festival, unha iniciativa estreitamente vencellada ao patrimonio relixioso da cidade e á revitalización dos órganos destes templos, herdeiros dunha tradición musical secular na historia de Santiago.

O Festival conta coa participación de varios dos máis destacados organistas do panorama actual español e europeo, coma son Bruno Forst, Soledad Mendive, Raúl Prieto e Eric Brottier. O repertorio dos concertos abarca diferentes estilos musicais, desde a música sacra medieval e o Renacemento ata as melodías de Bach, Debussy ou Franz Liszt.

Grazas a esta nova iniciativa cultural prodúcese a revitalización dun instrumento intimamente vencellado ás igrexas coma é o órgano, de forte presenza musical e nos que se aúnan escultura e pintura con elementos propiamente sonoros, o que fai destes órganos auténticas pezas de arte con entidade propia no conxunto arquitectónico ao que pertencen.

Neste sentido, trátase tamén dun proceso de concienciación para facer uso deles tanto na vida litúrxica coma no ensino ou no goce do público. Sen ser alleos a esta concienciación, nos últimos anos levouse a cabo unha importante labor de restauración e recuperación dos órganos da cidade. Así, aos órganos da Catedral e San Paio (unha das xoias restauradas polo Consorcio en 1996), sumáronse as restauracións dos da Igrexa da Universidade, San Miguel dos Agros e o das Ánimas, tamén recuperados polo Consorcio.

A tradición organística de Santiago de Compostela ven de lonxe, con nomes tan importantes como os fabricantes Baltasar Machado, Manuel de la Viña, Alberto de la Peña ou Mariano Tafall. Deste xeito, o Compostela Organum Festival completa a oferta cultural da cidade aproveitando o seu inxente patrimonio artístico e relixioso, precisamente nestes días de maio, nos que Santiago celebra as súas tradicionais festas da Ascensión.

Compartir: