RELACIÓNS VECIÑAIS

Constitúese o novo Consello de relacións veciñais

21/03/2023 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, presidiu esta tarde a constitución do Consello de relacións veciñais, e deu a benvida os novos representantes. Trátase dun órgano que ten por obxecto canalizar a particiación cidadá a través de reunións periódicas.

Forman parte do Consello de relacións veciñais os concelleiros Mercedes Rosón Ferreiro, Gonzalo Muíños e Begoña Rodríguez, polo Grupo Socialista; José Antonio Constenla e Ramón Quiroga, polo Grupo Popular; María Rozas por Compostela Aberta; e Goretti Sanmartín polo BNG. Os representantes veciñais son Encarna Otero, da Plataforma de Galeras, pola zona urbana; e David Vieites, da Asociación de Veciños Rego das Pedras de Marantes; e José Carlos Taibo, da Asociación de Veciños Francisco García Beiro, de Marrozos, pola zona rural. Quedan por cubrir tres vacantes por parte das asociacións veciñais da zona urbana. Como vicepresidente actuou Enrique Vázquez Naveira, técnico responsable de Participación Cidadá.

Segundo establece o artigo 1 do "Regulamento de Réxime interno do Consello de relacións veciñais" do Concello de Santiago, publicado no BOP da Coruña do 21 de agosto de 2001; entre as funcións deste órgano de participiación cidadá están a de emitir e formular propostas e suxerencias en relación co funcionamento dos servicios e organismos públicos municipais; e presentar iniciativas, propostas ou suxerencias ao Concello, para ser discutidas nas comisións informativas municipais correspondentes. As achegas presentadas, segundo explicaba o concelleiro de Relacións Veciñais, Gonzalo Muíños, trataranse de materializar, marcando unha orde de prioridade, e dotándoas das partidas correspondentes para poder ser executadas.

O Consello de relacións veciñais reunirase, ordinariamente, unha vez por semestre e, con carácter extraordinario, por convocatoria do seu presidente ou cando así o solicite un tercio calquera dos seus membros. Os acordos adoptaranse por maioría simple.

Compartir: