MEDIO RURAL

A Xunta de Goberno Local ten previsto aprobar este luns a apertura do procedemento de adxudicación de dous proxectos de pavimentación en Laraño e A Peregrina

19/03/2023 Cunha inversión total superior aos 260 mil euros entre ambos proxectos, o obxectivo é acondicionar o lugar de Coira (Laraño) e o lugar de Aradas (A Peregrina) a través da repavimentación dos núcleos.

Actuacións de pavimentación e de mellora da rede de drenaxe asociada. Son os proxectos que a Xunta de Goberno local ten previsto aprobar este luns para iniciar o proceso de adxudicación. Dous proxectos de acondicionamento do viario dos núcleos de Aradas, na parroquia de A Peregrina e de Coira, en Laraño.

Serán 143.236 e 124.278 euros respectivamente as contías previstas para ambas actuacións que se enmarcan no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal POS+ Adicional 2/2022 - 1ª fase da Deputación Provincial da Coruña.

A concelleira de Medio Rural destaca que se trata de dúas actuacións "solicitadas e dialogadas coa veciñanza". Begoña Rodríguez explica "son zonas que actualmente presentan un mal estado como consecuencia do paso do tempo e da circulación de maquinaria agrícola" polo que "propoñemos unha solución duradeira proxectándose un pavimento de 18 cm de formigón sobre unha capa de zahorra de 15cm".

Rodríguez recalca ademais que as dúas actuacións contemplan a mellora da sinalética e "fanse pensando na próxima adxudicación do novo contrato de alumeado público que renovará todas as luminarias do municipio" polo que contémplase en ambos proxectos a canalización de un tubo de polipropileno de 90mm de diámetro "en previsión dun futuro soterramento da liña de alumeado público".

Tamén para a mellora da drenaxe asociada disporase en ambos casos un colector de PVC de 400 mm de diámetro con pozos de rexistro e sumidoiros na zona central do viario.

Compartir: