TURISMO

Medran as pernoctacións e as consultas de visitantes estranxeiros no primeiro trimestre de 2007

02/05/2007 O concelleiro de Turismo, Francisco Candela, presentou os indicadores turísticos do primeiro trimestre de 2007. Estas cifras reflicten uns bos resultados, cun incremento das cifras de ocupación respecto ao mesmo período de 2006.

Neste primeiro trimestre do ano 2007 atendéronse nas oficinas de turismo municipais 13.460 consultas presenciais, un 6% menos que no mesmo período do ano anterior. As consultas de visitantes estranxeiros manteñen os niveis do primeiro trimestre do 2006, e superan nun 29% o do 2005.

Máis da metade das consultas recibidas foron realizadas por turistas estranxeiros, o que confirma a tendencia de crecemento que se ven producindo nos últimos meses. As súas consultas supoñen o 51,7% do total, fronte a un 36,7% de turistas nacionais e un 11,6% de composteláns.

Por orixe das consultas de estranxeiros, o Reino Unido sitúase no primeiro lugar (28,09%), seguido por Alemaña (14,04%) e Italia (14,27%). A continuación atópanse Portugal, Francia e Estados Unidos.

As comunidades españolas que máis visitaron as oficinas de turismo foron Madrid (17,63%), Galicia (17,20%) e Cataluña (16,35%), seguidas de Andalucía (10,27%) e Baleares (9,44%).

Ocupación hoteleira

En canto á ocupación hoteleira e tomando como base os datos proporcionados pola Asociación de Hostalería de Santiago, neste trimestre de 2007 o nivel de ocupación supera en 2,18 puntos o do ano precedente, e iguala o do ano 2005.

O trimestre deixa tamén un importante crecemento no número de pernoctacións, seguindo a tendencia destes últimos dous anos. As noites de ocupación dos estabelecementos da cidade suman 137.338 neste primeiro trimestre do ano, 8.981 noites máis que no mesmo período do 2006, 19.528 máis que no 2005 e 8.654 máis que no Ano Santo 2004. Isto supón un incremento de case un 7% con respecto ao ano 2006, do 16,5 % sobre 2005 e do 6,7% sobre o 2004.

Chegadas a Santiago

Segundo as fontes da empresa municipal TUSSA, neste primeiro trimestre do ano produciuse un descenso na chegada de vehículos á Dársena Xoán XXIII en relación co 2006 (- 22,8%) e co 2005 (-5,1%). No primeiro trimestre deste ano chegaron un total de 956 autocares, dos cales 193 corresponden á Semana Santa.

O aeroporto de Santiago, pola súa banda, rexistrou un movemento duns 434.499 pasaxeiros entre xaneiro e marzo (a cifra para marzo, 171.021, é unha estimación de Turismo de Santiago). Isto supón un incremento dun 8,1% respecto ao mesmo período do ano 2006 e dun 16,5% respecto ao ano 2005.

Consultas da páxina web

Finalmente, a páxina web de Turismo de Santiago, www.santiagoturismo.com, sumou no primeiro trimestre do ano 2007 máis de 200.000 consultas, isto é, un 19% máis ca no mesmo período do ano anterior e un 107% máis que no primeiro trimestre do 2005.

O número de accesos á web www.santiagoturismo.com neste trimestre case duplica os de anos anteriores. A media do número de accesos mensuais é superior a 56.400. Este incremento tan espectacular débese a que a nova web no só gañou en contidos e deseño, senón tamén en accesibilidade e profundidade, pasando de 3 a 7 idiomas.

Obsérvase tamén o incremento da porcentaxe de usuarios recorrentes, que pasou do 27.82% no primeiro trimestre do 2006 ao 35,85% no mesmo período do 2007, fronte ao actual 64,14% que visita a web por primeira vez. Por orixe, a maioría dos usuarios acceden á web de SantiagoTurismo a través do buscador google (67,5%), pero tamén o fan de forma directa (17,07%).

Ponte de maio

Francisco Candela tamén presentou as cifras da ponte do primeiro de maio. Entre o 28 de abril e o 1 de maio realizáronse 1.864 consultas na Oficina Central de Turismo. Destas consultas, o 55% correspondían a españois, entre os que destacaron os madrileños (38%). Entre os visitantes estranxeiros destaca a presenza alemá (19%). Respecto á ocupación hoteleira, a enquisa realizada por Turismo de Santiago deixa un balance dun 70% de ocupación entre o 27 e o 30 de abril.

Documentos relacionados



Compartir: