Unha Praza de Abastos "máis viva": o obxectivo do proxecto de reparación e mantemento do mercado que xa se presentou á cooperativa e a Asuca

18/03/2023 O alcalde destaca o avance en materia de servizos e conectividade no Casco Histórico durante os últimos anos: "ampliouse a rede de fibra óptica, creouse a oficina de urbanismo na Casa Elisa e Jimena, abriuse o Centro Sociocultural Maruxa e Coralia e avanzouse na peatonalización da zona con Mazarelos como gran cambio" destacou Sánchez Bugallo.

Unha obra "necesaria, dialogada e traballada para contribuír a que o noso mercado sexa cada vez máis un espazo vivo e de comunidade". Así cualifica o concelleiro de Obras a intervención prevista para a posta a punto da Praza de Abastos, logo de reunirse coa cooperativa e coa Asociación de Usuarios de Casillas (Asuca) que ven "con moi bos ollos a actuación prevista". Gonzalo Muíños destacou ademais que, con esta reforma "non só se mellora a funcionalidade da praza" para "adaptala o máis posible a praceiros e clientela"; senón que ademais busca "facela máis atractiva do que xa é agora".

A intervención contempla a substitución as marquesiñas, os estores verticais e as portas corredizas das naves. Tamén a renovación da instalación eléctrica da torre e actuacións de fontanería para emendar incidencias recorrentes no baño adaptado.

Un casco histórico conectado, sostible e con vida

"Mellorar a conectividade e dotar de servizos é fundamental para impulsar o Casco Histórico como espazo atractivo para vivir" explicou o alcalde, que destacou entre os principais avances nos últimos anos o despregamento de fibra óptica na zona vella, a retirada da compactadora de Fonseca, o inicio do sistema de recollida de lixo selectiva coas illas de ‘quita e pon’, a apertura do Centro Sociocultural Maruxa e Coralia e as oficinas de urbanismo na casa Elisa e Jimena Fernández de la Vega.

Arredor de 150.000 euros investíronse nos últimos anos para acometer novas fases de despregamento de fibra óptica coa rúa de Fonseca, rúa da Raíña, Praza de San Pedro ou a ruela das Fontiñas como algunhas das zonas nas que se ampliou a conexión á alta velocidade.

"Para mellorar a calidade de vida no Casco Histórico, os servizos son unha pata fundamental, pero potenciar a rehabilitación máis aínda" explica o alcalde que destaca este como un dos "principais obxectivos da oficina de Cidade Histórica e Rehabilitación" aberta en novembro do 2021 e sita no edificio Elisa e Jimena Fernández de la Vega: "queríase impulsar, ampliar e reforzar todas as políticas de rehabilitación e acompañar á cidadanía a facelo". Tamén neste senso, a recuperación do rexistro de solares para intervir desde o Concello en edificios en estado de ruína "permitiu dotarnos de outro elemento de presión para impulsar a recuperación dos inmobles".

Tamén no ámbito da rehabilitación, destaca o alcalde a inversión de 13,5 millóns de euros que a secretaría de Estado de Turismo inviste no mantemento do Hostal dos Reis Católicos con importantes intervencións na Capela Real, os claustros interiores e a propia fachada, "unha inversión que sirve para destacar, máis aínda, o papel que xogan as cidades históricas".

"A esta conta temos que sumarlle os preto de 5 millóns de euros que se están investindo na rehabilitación do Pazo de Raxoi", agora coas obras de limpeza e mellora da fachada frontal en marcha.

A Alameda: accesible, con servizos e memoria histórica

Desde recentemente colocada escultura de Isaac Díaz Pardo situada no Paseo dos Leóns, na Alameda, "divísase o cambio que experimentou esta zona" asegura o alcalde, "comezando pola propia homenaxe a un dos nosos máis destacados intelectuais". "A recuperación do muro do Pombal e a futura reurbanización da rúa supoñen un cambio radical da zona" recalca Sánchez Bugallo.

O proxecto de reurbanización que vén de aprobar o seu proxecto técnico, suporá unha inversión de 750.000 euros para a ampliación da beirarrúa próxima ás edificacións, a colocación de pasos peonís elevados para a redución da velocidade do tráfico rodado e a renovación e dotación de servizos urbanos: abastecemento de auga e rego, saneamento, alumeado público, gas natural e telecomunicacións.

Tamén o alcalde recalcou a mellora significativa do parque logo da restauración das seis fontes ornamentais coas que conta a Alameda e que viu acompañada da instalación dun novo sistema de iluminación, "ou a reforma dos aseos e a recuperación do quiosco para seguir impulsando este espazo como un lugar de ocio interxeracional, de encontro da comunidade e un dos corazóns verdes da cidade".

Compartir: