PLENO

O Pleno habilita 1,8 millóns de euros para facer fronte á parte final do proxecto Smartiago

16/03/2023 O Pleno da Corporación, en sesión extraordinaria, deu luz verde á aprobación dun expediente de recoñecemento extraxudicial de crédito por importe de 1.867.512,40 euros para o pagamento de facturas correspondentes ao tramo final do proxecto Smartiago. Contou cos votos favorables do goberno municipal e coa abstención do resto dos grupos.

O concelleiro responsable do Smartiago, Sindo Guinarte, fixo balance dun proxecto do que "se executou máis do 80% dos fondos previstos". Dentro do orzamento global, que ascende a 5 millóns, destináronse 3.768.000 a proxectos de innovación, o que fai que "Santiago sexa hoxe un referente a nivel local en desenvolvemento de proxectos de innovación".

Guinarte fixo fincapé en que este "éxito é froito da colaboración institucional entre as administracións implicadas" (goberno central, Xunta e Concello) e "do inxente esforzo dos servizos municipais, pois era a primeira vez que se licitaban pregos de compra pública innovadora".

Sobre Smartiago
O Concello de Santiago de Compostela impulsa a iniciativa Smartiago como estratexia para responder os retos de innovación implicando no proceso a axentes do Sistema de I+D+i local, rexional e nacional. O seu obxectivo principal é a posta en marcha dun conxunto de solucións tecnolóxicas innovadoras no ámbito das cidades intelixentes encamiñadas a converter a capital galega na primeira iniciativa que busca eficiencia, máxima aplicabilidade e adaptación de I+D ás problemáticas das Cidades Patrimonio no seu conxunto, de maneira que os resultados sexan altamente escalables, eficientes e replicables noutras cidades ou contornos nos que o Patrimonio Histórico sexa un atributo distintivo das mesmas.

O proxecto Smartiago desenvólvese en virtude a un convenio de colaboración da Liña FID (Fomento da Innovación desde a Demanda) entre o Ministerio de Ciencia e Innovación e o Concello de Santiago de Compostela e está cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), dentro do marco do Programa Operativo Plurirregional de España 2014-2020, e nun 10% pola A xencia Galega de Innovación (GAIN).

Compartir: