TURISMO

Un novo vídeo promocional marcará o inicio da renovación da imaxe turística da cidade

02/05/2007 O Consello de Aministración da Empresa Municipal Incolsa-Turismo de Santiago aprobou a realización dun novo vídeo de promoción turística de Compostela. Este vídeo iniciará a renovación da imaxe da cidade ante os mercados nacionais e internacionais, turoperadores e público final.

Segundo anunciou o concelleiro de Turismo, Francisco Candela, investiranse 90.000 euros na realización deste vídeo. A empresa que resulte adxudicataria creará unha versión curta para a web, de 45 segundos; unha versión promocional, de 3 minutos; e unha versión para o público en xeral de entre 20 e 25 minutos. Ademais, deste traballo sairá un fundo de imaxes, que se poderá empregar para diferentes presentacións sectoriais.

O vídeo presentará a Santiago coma unha cidade de vangarda, lugar de encontro e cun patrimonio artístico e cultural de primeiro nivel. Recolleranse os máis destacados atractivos arquitectónicos, patrimoniais, culturais, gastronómicos, de natureza e de lecer, contribuíndo a divulgar a súa calidade de cidade moderna, dinámica, segura e accesible.

Tren turístico

O Consello de Aministración tamén acordou a renovación da explotación do tren turístico, establecendo entre as súas características que deberá ser de estrea, cuberto, con calefacción, megafonía, chofer e guía de ruta.

O percorrido non variará basicamente sobre o actual e terá seis frecuencias diarias. O período de explotación irá como mínimo de Semana Santa ao 1 de novembro, con servizos diarios na Semana Santa e nos meses de verán e de fin de semana o resto do tempo.

Compartir: