MEDIO AMBIENTE

As obras da nova estación depuradora do Sar poderían estar licitadas a finais de 2007

02/05/2007 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, reuniuse co presidente da Confederación Hidrográfica do Norte, Jorge Marquínez; co director de Augas de Galicia, Emilio Romero; e co conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, para falar da nova Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR). Na xuntanza presentouse o estudo de alternativas para esta infraestrutura, a máis custosa do novo saneamento de Santiago. As obras poderían estar licitadas a finais de 2007.

Este estudo dará lugar á definición das principais características xeográficas e técnicas da nova depuradora do Sar, punto clave da mellora do saneamento de Compostela. O documento parte dunha análise das variables actuais que presenta a comarca de Santiago e a cidade en particular, como son: poboación presente e previsión de futuro; calidade da auga no río Sar; infraestruturas existentes de saneamento; número e situación de vertidos, etc.

O obxectivo desta análise é definir parámetros esenciais que determinen a calidade mínima que debe ter a auga unha vez tratada na depuradora e devolta ao río, así como as tecnoloxías dispoñibles e o custo das mesmas. Segundo apuntou o presidente da Confederación Hidrográfica do Norte, Jorge Marquínez, baráxanse dúas opcións máis convencionais e outras dúas máis avanzadas tecnoloxicamente, baseadas nun sistema de membranas e de biofiltros. A escolla dunha destas opcións tamén determinará o custo final da EDAR, que podería estar entre os 42 e os 54 millóns de euros, cantidades en todo caso superiores ás inicialmente previstas.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, indicou que a elección final da alternativa dependerá de "se a calidade da depuración compensa o aumento de custos das solucións máis avanzadas, tanto de construción como de mantemento". "Teremos a mellor depuradora que garanta os mellores resultados", afirmou.

A este respecto, o conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, apuntou que "non se regatearán esforzos económicos" nesta nova depuradora, que situará a Santiago "á cabeza en canto aos modelos de depuración". Vázquez dixo que este proxecto ten tres obxectivos: devolverlle ao Sar a calidade das súas augas, investir en novas tecnoloxías e xerar un mínimo impacto ambiental no contorno onde se construirá a EDAR.

No contorno da actual

O estudo tamén fai unha avaliación das alternativas físicas de emprazamento da futura depuradora, nas inmediacións da actual, así como das posibles técnicas construtivas para levala a cabo. En calquera caso, como dixo o alcalde, o espazo para esta depuradora xa está reservado no PXOM.

Da dimensión deste proxecto falan cifras como que a nova depuradora será capaz de tratar 800 litros de auga por segundo e que estará preparada para dar servizo a 260.000 habitantes, dixo o alcalde. Neste sentido, o presidente da Confederación Hidrográfica do Norte afirmou que "o volume vertido será maior que o caudal do río Sar".

Este estudo de alternativas será agora remitido á Dirección Xeral de Calidade Ambiental do Ministerio de Medio Ambiente, que fará as oportunas consultas cara a redactar o proxecto da nova EDAR. O obxectivo é que a obra estea licitada a finais de 2007. O prazo de construción non será inferior a tres anos.

Mellora do saneamento

A mellora do saneamento de Santiago de Compostela vai supor un investimento a cargo do Estado 88 millóns de euros, repartidos entre a nova depuradora e os dous tramos do colector interceptor xeral do río Sar.

No mes de marzo adxudicouse a primeira das tres obras proxectadas: o tramo Pontepedriña-Ponte San Lázaro do colector xeral del Sar. A adxudicación recaeu na empresa OHL por un importe de 8 millóns de euros. Este colector consta dun interceptor xeral de 4,5 quilómetros de lonxitude ao que se incorporan sete colectores secundarios de 2,5 quilómetros. A actuación compleméntase con pozos de rexistro e catro aliviadeiros-estanques de tormenta.

A este tramo unirase o segundo, que percorre o espazo entre Pontepedriña e a EDAR. Consta dun interceptor xeral de 5,7 quilómetros de lonxitude, que substitúe ao existente, e de sete incorporacións secundarias de 3,6 quilómetros que recollen os vertidos de diversas zonas como Conxo, Milladoiro, Vidán ou Laraño. Completarán este tramo a construción de seis aliviadeiros de tormentas, catro arquetas de control de incorporacións e unha obra especial de conexión do colector do Sarela.

Compartir: