EDUCACIÓN

Compostela, en clave de danza

02/05/2007 A concelleira de Educación e Mocidade, Elvira Cienfuegos, presentou o certame "Compostela en danza", que se celebrará o sábado 12 de maio, ás 19:00 horas, no Auditorio de Galicia. Alumnos de educación infantil, primaria e secundaria serán os protagonistas deste evento.

O CEIP Monte dos Postes e o IES Xelmírez incorpóranse por primeira vez a esta mostra de danza, e únense así aos centros San Xosé de Cluny, Manuel Peleteiro, Fontiñas, Pío XII e López Ferreiro. Ademais, este ano colabora o Espazo de Danza da Universidade de Santiago.

Sobre o escenario da sala Ángel Brage do Auditorio realizaranse ata 23 coreografías, nas que se reflectirá o traballo que en torno á danza se vén realizando en moitos centros de ensino composteláns. As bailarinas Beatriz Viñal e Eva Cancio presentaron o programa do espectáculo, de aproximadamente hora e media de duración. Non faltarán coreografías como "A danza dos cisnes", "Cincenta", "O barbeiro de Sevilla", "O quebranoces" ou "Cats".

A entrada é gratuíta, xa que o obxectivo deste certame é achegar a danza ao contorno sociocultural dos escolares e dos mozos. Trátase de que deixen de ver a danza coma un fenómeno estraño.

Compartir: