PROMOCIÓN ECONÓMICA

Máis da metade dos usuarios do Proxecto Crear III teñen un emprego na actualidade

02/05/2007 O concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel Iglesias, presentou os resultados do Proxecto Crear III, que se clausura no Pazo de Raxoi co acto de entrega de diplomas aos participantes. 56 dos 100 usuarios do programa están traballando nestes momentos. 29 son mulleres e os outros 27 homes.

Segundo a memoria final do Proxecto Crear III, o rango de idade predominante entre as persoas insertadas está entre os 25 e os 44 anos. O maior número de insercións laborais corresponde a beneficiarios que cursaron a educación obrigatoria, un ciclo formativo de grao medio ou equivalente ou unha licenciatura en titulacións de difícil colocación. Dende que se iniciou o programa experimental, o 1 de xuño do 2006, os usuarios asinaron 70 contratos, 56 deles de máis de seis meses de duración.

A memoria tamén reflicte que o perfil dos beneficiarios do Proxecto Crear III é maioritariamente o de mulleres demandantes de emprego, con idades comprendidas entre os 25 e os 34 anos, procedentes do concello de Santiago de Compostela. O 70% dos usuarios do programa ten experiencia laboral, é dicir, tivo algún traballo nalgún momento da súa vida previo á súa participación no programa.

Dende o Proxecto Crear III organizáronse quince accións formativas abertas a todos os beneficiarios. Os contidos das mesmas estiveron relacionados con técnicas, instrumentos e habilidades na busca de emprego, idiomas, informática, limpeza e programación educativa.

Ademais, dezaoito beneficiarios do Proxecto Crear III (quince mulleres e tres homes) realizaron prácticas profesionais en empresas. A maioría das empresas colaboradoras manifestaron a súa intención de continuar acollendo usuarios de programas de inserción laboral, e a metade das mesmas coinciden en propor a ampliación do período de prácticas profesionais.

100 usuarios

O Proxecto Crear III, que se iniciou o 1 de xuño do 2006, tivo como obxectivo favorecer a inserción laboral de persoas con especiais dificultades de acceso ao mercado de traballo, como mulleres, mozos sen emprego anterior, desempregadas e desempregados de longa duración, inmigrantes e emigrantes retornados e mulleres e homes con algún tipo de discapacidade. Os 100 usuarios do programa (61 mulleres e 39 homes) recibiron información e asesoramento para acadar un emprego axeitado ás súas expectativas e capacidades a través da posta en marcha de Itinerarios Persoalizados de Inserción.

Despois dun contacto inicial, os nove titores do proxecto realizaron, nunha primeira etapa, entrevistas en profundidade. Na segunda etapa do programa concretouse o Itinerario Persoal de Inserción cunha definición clara dos perfis profesionais, e desenvolvéronse obradoiros formativos á carta, orientados a mellorar as habilidades e posibilidades de inserción. A terceira etapa foi a de achegamento á empresa, con prácticas ocupacionais para os usuarios que carecían de experiencia, sensibilización do tecido empresarial e colaboración con axentes sociais.

Tendo en conta os recursos destinados a emprego e a análise do mercado de traballo buscáronse ofertas axeitadas aos perfis dos demandantes. Os participantes contaron con talóns de desprazamento para que a asistencia aos cursos ou ás entrevistas de traballo non lles supuxera un custo, e un servizo de asesoramento e imaxe persoal, empregado ata febreiro por 10 beneficiarios. Tamén se puxo ao seu servizo unha aula de informática, que foi empregada por 98 usuarios.

A cuarta e última fase do Proxecto Crear III é a de seguimento das persoas que non conseguiron insertarse laboralmente e das que están traballando pero buscan mellorar as súas expectativas de emprego. Esta fase continuará desenvolvéndose ata o mes de xuño.

Compartir: