LIMPEZA

Visto bo ao proxecto de regulamento para o Punto Limpo

30/04/2007 O Goberno local aprobou o proxecto do Regulamento de uso do servizo público municipal "Punto Limpo". A norma establece os tipos de residuos admitidos, o modo de utilización do servizo e os dereitos e deberes dos usuarios. O documento será sometido á aprobación definitiva do Pleno municicipal.

O Regulamento establece as normas de utilización dos 19 contedores con que conta o Punto Limpo, que estarán disponibles para os cidadáns a partir do mércores 2 de maio. O equipamento conta cun contedor para cada tipo de residuo. Poderanse depositar: entullos; mobles; metais; colchóns; voluminosos de madeira; material electrónico; electrodomésticos de liña branca (lavadoras, secadoras, conxeladores, etc.); electrodomésticos de liña marrón (televisores, vídeos, cadeas de música, etc.); pneumáticos; restos de podas; vidro; papel e cartón; envases, latas e briks; baterías; pilas; tubos fluorescentes de iluminación; aerosois e sprays; aceites minerais e sintéticos (os usados por exemplo nos vehículos); e aceites vexetais (os de uso alimentario).

Por contra, non se admitirán residuos coma lixo urbano orgánico (o que se deposita no contedor clásico); medicamentos, tanto líquidos ou sólidos; residuos infecciosos, clínicos ou radioactivos; materiais explosivos; recipientes voluminosos (volume superior a 30 litros) que conteñan residuos perigosos; e outros residuos non identificables.

O Punto Limpo funcionará de luns a venres, de 11:00 a 14:00 horas pola mañá, e de 16:30 a 19:30 horas pola tarde. O sábado, o centro estará aberto de 10:00 a 14:00 e de 16:30 a 20:30 horas. Para calquera dúbida sobre o Punto Limpo, Urbaser pon a disposición dos cidadáns o teléfono 981 565 469.

Compartir: