SEGURIDADE CIDADÁ

A Policía Local de Santiago celebra os seus 175 anos ao servizo da cidadanía de Compostela

22/02/2023 O Auditorio de Galicia acolleu esta tarde o acto conmemorativo do 175 aniversario da Policía Local de Santiago, que reuniu a numerosos representantes institucionais e dos distintos corpos e forzas de seguridade. Durante o evento fíxose entrega das medallas de permanencia a 45 axentes que forman parte da Policía Local desde hai más de 30 anos.

O acto, que tivo lugar ás 18.00 h na sala Ángel Brage, contou coa presenza de Xosé Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago; concelleiros de todos os grupos municipais; Agustín Hernández, presidente do Consello Económico e Social de Galicia; Antonio López, reitor da USC; Belén Hernández, xerente do Consorcio de Santiago, así como outros representantes do tecido empresarial e asociativo da cidade.

Por parte das forzas e corpos de seguridade, estiveron no acto Miguel Ángel Paredes, coronel xefe do Aeródromo Militar de Santiago; Ramón Gómez, xefe superior da Policía de Galicia; Fernando Javier Martínez, comisario principal; Jorge Rubal, comisario xefe da unidade do CNP adscrita á Xunta; Castor Vázquez, comisario xefe do CNP en Santiago, así como outras autoridades e unha ampla representación de membros da Policía Local de Santiago

Begoña del Río Martínez, policía local e responsable da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, foi a encargada de conducir do acto, que contou coas intervencións de José Ramón Silva Dieste, intendente da Policía Local; Belén Sixto Seco, primeira muller en formar parte da Policía Local de Santiago; e Xosé Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago. Durante o acto tamén se proxectou un vídeo conmemorativo sobre os 175 aniversario da Policía Local de Santiago.

O momento central da gala foi a cerimonia de entrega das medallas de permanencia para 45 membros do corpo, 3 deles mulleres, cunha antigüidade de máis de 30 anos. A axente Ana Pájaro foi a encargada de chamar aos policías que subiron ao estrado a recoller a súa condecoración de man do alcalde, o concelleiro de Seguridade Cidadá, Gonzalo Muiños; o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva; o xefe superior de Policía de Galicia, Ramón Gómez e o intendente da Policía Local de Santiago, José Ramón Silva Con este xesto, preténdese homenaxear o labor dos compañeiros e compañeiras que traballan para o corpo desde hai máis de 30 anos.

Actos do sábado, 25 de febreiro

Con motivo dos actos de celebración do 175 aniversario, o vindeiro sábado 25 de febreiro, terá lugar unha formación da Policía Local na praza do Obradoiro, que virá seguida dunha ofrenda ao Apóstolo na Catedral de Santiago.

Historia da Policía

A primeira mención do que hoxe coñecemos como corpo de Policía Local podemos atopala no ano 1780, pero non será ata o 1848 cando ten lugar a creación do que hoxe se coñece como Policía Local como resposta aos moitos roubos que se estaban a suceder na cidade. Deste xeito, ponse en funcionamento a Rolda de Policía Urbana que viña sumarse á xa existente compañía de serenos nocturnos.

No último terzo do século XIX o crecemento da Policía Urbana vai asociado ao desenvolvemento da cidade, polas novas funcións e espazos que se xeran nesta época: os paseos da Alameda incorporan policías municipais para a súa vixilancia mentres que o mercado de Abastos promove a dotación de axentes que garantan a hixiene e o control das mercadorías.

A partir do ano 1920 vaise incrementando o número de efectivos que compoñen o servizo, concretamente en 1928 o número de axentes que integraba o corpo eran 63. En 1955 amplíase o cadro de persoal en 25 gardas, motivado pola proxección turística de Santiago que se estaba iniciando.

Nos anos 70, acádanse os 112 axentes e desaparece o corpo de serenos, que pasa a incluírse na Policía Local.

Xa nos anos 80 créase a brigada nocturna e unidades dentro da Policía Local, e en 1998 (ano en que se celebra o 150 aniversario da súa creación) conta con 162 profesionais, organizándose da seguinte maneira: Xefatura da Policía Local, Unidade administrativa ou de Servizos (sección administrativa, sección de servizos diúrno e nocturno e sección de urbanismo), unidade de seguridade cidadá (servizo diúrno e nocturno), unidade de tráfico (sección de tráfico, sección motorizada, sección de atestados e sección sala de control de tráfico) e unidade de policía de barrio, contando tamén con escolta de gala (formada por lanceiros, maceiros e garda vella).

Compartir: