MEDIO AMBIENTE

O Concello restaurará o Ecosistema Fluvial do río Sar ao seu paso polo Banquete de Conxo e creará un Bosque de Saúde

02/02/2023 O proxecto, que conta cun orzamento de preto dun millón de euros con cargo aos fondos europeos a través da Fundación Biodiversidade, foi presentado esta tarde polo alcalde, Xosé Sánchez Bugallo; o secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán; e a concelleira de Medio Ambiente, Mila Castro, e ten como obxectivo crear un espazo de participación, divulgación e concienciación ambiental. Ao acto tamén asistiu o delegado do Goberno, José Miñones, e represrntantes dos grupos municipais.

Cun simbólico replantado de árbores, esta tarde púxose a ‘primeira raíz’ do proxecto de Restauración do Ecosistema Fluvial e Creación dun Bosque de Saúde no río Sar ao seu paso polo Banquete de Conxo. O proxecto conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU, e o seu obxectivo é recuperar un espazo de gran riqueza natural, histórica e paisaxística, promovendo as especies autóctonas e mellorando o espazo, ao tempo que se permite o seu desfrute pola cidadanía como espazo de divulgación e concienciación ambiental.

"Hoxe demos un paso máis na recuperacion natural do que podemos chamar a noso segundo monumento, o río Sar", sinalou o alcalde. "Dentro da estratexia do goberno para recuperar e ampliar os espazos verdes de Compostela, presentamos nesta ocasión a recuperación fluvial do Banquete de Conxo e quero sinalar tamén que hai escasos meses presentamos á convocatoria da Fundación Biodiverdidad un proxecto ambicioso de 4,4 millons de euros para desenvolver a chamada estratexia do anel verde (incluída no Real Padroado) que conta con 5 actuacións en materia de renatuaralización en barrios e outros lugares como Pontepedriña, Cornes, Monte do Viso, a lagoa do Auditorio ou o Xardin Botánico", lembrou o rexedor na súa intervención.

O secretario de Estado destacou que con este proxecto "se reforza o papel dos leitos como elementos da infraestrutura verde urbana, volvendo conectar a poboación cos seus ríos, cun papel protagonista na protección da súa biodiversidade", adaptados ademais aos riscos de inundación. Hugo Morán insiste no papel das administracións locais para liderar o "proceso de transformación urbano-fluvial".

Cun orzamento total superior ao 920 mil euros, realizarase un inventario dos recursos naturais da contorna e un estudo hidrolóxico do leito e do caudal do río Sar. Ademais, impulsaranse accións de estabilización das marxes do río, recuperación do antigo leito do Regado de Chaián e recuperarase a vexetación autóctona.

Traballo previo en materia de conservación do medio ambiente

O Concello de Santiago leva tempo traballando para emendar os problemas en diferentes áreas do río Sar e o Sarela, realizando proxectos de restauración de ribeiras, estabilización de marxes e acondicionamento de carreiros para crear un anel verde que conecte os espazos naturais da zona urbana e periurbana, en busca dunha cidade máis verde e adaptada ao cambio climático.

O proxecto obxecto de subvención atópase nunha zona dun gran valor natural e histórico. Conta con exemplares arbóreos de dimensións excepcionais (plátanos, amieiros, carballos…) entre os que destaca a presenza dalgúns carballos centenarios. O máximo expoñente arbóreo é o Carballo de Conxo, carballo de 250 anos nomeado a árbore Europea do Ano 2022. Entre eles, conviven abundantes eucaliptos e outras especies que invaden o seu espazo vital.

Dadas as carencias detectadas, o potencial natural e cultural existente, unha localización que permitiría continuar coa conectividade das zonas verdes de Santiago e a súa recente incorporación ao ámbito público, fixo que se considere o enclave ideal para a realización deste proxecto. Un proxecto que pretende manter a liña de traballo que vén realizando o Concello para alcanzar unha conexión entre espazos naturais.

Compartir: