XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno concede licenza a Sertego para o selado do vertedoiro da canteira Miramontes

23/01/2023 A Xunta de Goberno acordou hoxe conceder a Sertego, Servicios Medioambientales S.L.U, licenza de obras para o selado do vertedoiro de Grixoa, segundo o proxecto de adaptación e mellora do plan de restauración do espazo central da canteira de Miramontes, que conta cun orzamento de execución material de 1.524.386,20 euros.

O proxecto que sae a licitación ten por obxecto o selado e clausura do vertedoiro da canteira de Miramontes, unha demanda, desde hai anos, dos veciños e veciñas. Remátase así cos problemas de fedumes, e elimínase a circulación de camións pesados cara o vertedoiro. O deseño da xeometría de selado establécese sobre as seguintes bases:

- Acceso. Manterase o actual acceso ao vertedoiro a través da pista situada ao sur do vertedoiro e que comunica coa pista perimetral do mesmo.
- Noiros. O noiro final de proxecto será como máximo do 50%. Entre berma e berma non terán de desenvolvemento, en sentido de máxima pendente, máis de 22,5 metros con altura entre bermas igual ou menor a 10 metros.
- Bermas e pistas. Deséñanse bermas de 8 metros de ancho con pendente do 2% en sentido transversal cara ao interior do vertedoiro e cunha pendente aproximadamente entre o 5 e o 10% en sentido lonxitudinal.
- Copete. Proxéctase deixar unha pequena chaira lonxitudinal que permita a manobra de maquinaria pesada e as operacións de selaxe, con pendente dun 2% en sentido noroeste.
- Superficie. A superficie real do selado é de 42.552 m2."

No proxecto empregarase un paquete de xeosintéticos, colocados encima do residuo formado por xeotéxtil, pead e xeored, de abaixo a arriba, respectivamente.

Na base estará a capa de xeotéxtil de polipropileno de 300 g/m2 de densidade, sobre o residuo debidamente regularizado, coa misión principal de protexer a xeomembrana de PEAD.

A continuación colocarase esta xeomembrana de polietileno de alta densidade PEAD (HDPE) de 2 mm de espesor, con texturizado en ámbalas caras. E despois unha capa de xeodren, formado por unha xeorred tridimensional de PEAD de 5 mm de espesor, con 2 xeotéxtiles de 120 g/m2 , coa función de drenar a auga que chega desde a parte superior á membrana de PEAD e, ao mesmo tempo, protexela.

E por último, botarase unha capa de terra vexetal seleccionada, duns 50 cm, co obxecto de contribuir a revexetación da zona con catro especies de herbas e dúas leguminosas.

O sistema de desgasificación estará formado por pozos dun metro de diámetro recheos de material horfítico limpo e conectados ao exterior con chimeneas de venteo. Dispón dun radio de acción de 37,5 metros cun total de 18 chimeneas de desgasificación, segundo se explica no proxecto.

O Goberno Municipal tamén lle deu luz verde á licitación do "Servizo de conservación e mantemento do cemiterio de Santiago de Compostela", para os próximos dous anos, por un importe, IVE incluido de 359.517 euros.

O obxectivo deste contrato é o mantemento das zonas comúns do cemiterio municipal de Boisaca en perfecto estado de uso, dando cumprimento as esixencias legais e regulamentarias establecidas, asegurando a apertura e peche do recinto, a realización de inhumacións, exhumacións e traslados de restos; así como a vixiancia do cemiterio.

Tamén se aprobou a adxudicacion, a Teléfónica Soluciones, do "Contrato baseado no acordo marco de servizos de seguridade da información, ciberseguridade e protección de datos persoais, Lote 1: Servizos básicos, Goberno e Xestión da seguiridade da información para a Creación e despregamento dun Centro de Operacións de seguridade (SOC) no Concello de Santiago de Compostela, por un importe total de 154.432,30 euros.

A creación dun Centro de Operacións de Seguridade (SOC) permitirá monitorizar, previr e resolver incidencias en materia de seguridade.

O SOC e as actuacións a realizar no devandito Centro formarán parte da Rede Nacional de Centros de Operacións de Ciberseguridade federados e integraranse no Centro de Operacións de Ciberseguridade da Administración Xeral do Estado e os das demais administracións públicas do ámbito nacional.

Este centro estará coordinado cos centros integrados na rede nacional a través da Plataforma Nacional de Notificación e Seguimento de Ciberincidentes, prevista no artigo 11 do Real Decreto 43/2021, de 26 de xaneiro, polo que se desenvolve o Real Decreto-lei 12/2018, de 7 de setembro, de seguridade das redes e sistemas de información.

Por outra banda tamén se aprobou a licitación do expediente de "Subministración en réxime de aluguer (sen opción a compra) de equipos multifunción e provisión de consumibles para todos os servizos administrativos do concello de Santiago de Compostela, por catro anos, establecéndose un orzamento máximo 682.875,61 euros. Ese contrato, unha vez adxudicado, permitirá reducir notablemente o volume de facturación por estes servizos.

Compartir: