EMPRESAS MUNICIPAIS

Emuvissa e Tussa aproban con beneficios as contas de 2006

26/04/2007 Os consellos de administración das empresas municipais Emuvissa e Tussa aprobaron as contas do exercicio 2006, en ambos casos con beneficios. No caso da Empresa Municipal de Vivenda e Solo, o saldo positivo foi de 678.577 euros, mentres que a Sociedade Municipal de Xestión do Transporte Urbano de Santiago tivo un beneficio de 87.139 euros.

No caso de Emuvissa, o resultado favorable baséase, en canto aos ingresos de explotación, en factores como o recoñecemento da venda efectiva das parcelas do polígono 6-7 de Fontiñas (6.155.279 euros). Tamén resultaron significativas as achegas pola facturación ao Concello como prestación de servizos respecto aos polígonos xestionados conxuntamente (SUP-6 de Santa Marta e polígono 1 do SUP-2 de Cornes), ou pola facturación a cooperativas e promotoras por obras de urbanización. A isto hai que engadir unha subvención do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) respecto á urbanización do SUP-2 de Cornes. As contas de Emuvissa foron aprobadas co voto favorable dos representantes do grupo de Goberno e a abstención do PP.

Pola súa parte, as contas de Tussa e 2006 caracterízanse pola contención do beneficio, malia incrementar as cifras de ingresos e custos. Estes beneficios servirán para financiar os investimentos futuros previstos e dan á sociedade unha imaxe de solvencia. Esta contención do beneficio logrouse grazas ao investimento en melloras para a cidade: estación de autobuses, marquesiñas para o transporte no rural, marquesiña acristalada de Xoan XXIII, etc.

En 2006, Tussa explotou tanto a Estación de Autobuses como os aparcadoiros de Xoan XXIII, Belvís, e Cornes, ademais da xestión indirecta do transporte urbano. Respecto á estación, foi o ano da posta en funcionamento das escaleiras mecánicas, cun investimento compartido coa Deputación da Coruña de 300.000 euros. Tamén se pintou o teito da primeira planta cunha atractiva combinación de cores e instalouse un sistema de Wi-Fi.

A nova empresa adxudicataria do transporte urbano, a UTE Trapsa-Aulusa comezou a operar o 15 de febreiro de 2006, por un período de 10 anos prorrogables por outros cinco máis. O volume de viaxeiros foi de 7.577.421.

Polo aparcadoiro vixiado de Xoan XXIII pasaron 118.738 vehículos, polos 53.656 de Belvís e os preto de 50.000 de Cornes (este aparcadoiro permaneceu pechado dende xuño polo desenvolvemento urbanístico da zona). A dársena de Xoan XIII rexistrou o paso de 10.699 autobuses.

Compartir: