DEPORTES

Máis de 700 inscricións na IX edición da San Silvestre a cinco días de rematar o prazo

22/12/2022 A concelleira de Deportes, Esther Pedrosa, acompañada polo presidente da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín, e o presidente do Club Atletismo Santiago, Alfonso López Menduíña, presentaron en rolda de prensa a novena edición da San Silvestre compostelá, que este ano se disputará conxuntamente co Campionato de Galicia de 5 quilómetros en ruta. A saída da carreira será desde a Avenida de Xoán XXIII e a meta estará ubicada na rúa de San Francisco.

O Concello de Santiago, a través do seu Departamento de Deportes, e a Federación Galega de Atletismo organizan a IX Edición da Carreira San Silvestre de Santiago, que terá lugar o 31 de decembro a partir das 17:00 horas da tarde con saída na avenida de Xoan XXIII e chegada á rúa de San Francisco.

Na carreira poderán participar tanto deportistas federados como non federados, que nacesen antes do ano 2010, e deberán rexistrarse a través de páxina web de Carreiras Galegas. O prazo de inscricións concluirá o vindeiro martes, 27 de decembro, ás 23.59 horas.

Nesta edición de 2022, a carreira disputarase conxuntamente co Campionato de Galicia de 5 quilómetros en ruta, polo cal haberá caixóns de saída distribuídos por marcas, tendo preferencia os atletas que disputen o Campionato Galego. Todos os atletas participantes nestes 5 quilómetros en ruta, deberán inscribirse na proba popular se desexan tomar parte nos premios populares.

A recollida de dorsais, que estarán acompañados dun agasallo, cortesía do Centro Comercial As Cancelas, poderán recollerse nesta área comercial o 29 de decembro de 16:00 a 20:30 horas, o 30 de decembro de 11:00 a 20:30 horas e o 31 de decembro de 11:00 a 13:30 horas. Excepcionalmente entregaranse os dorsais na praza do Obradoiro o día 31 de decembro de 15:30 a 16:30.

A concelleira Esther Pedrosa aproveitou a ocasión para "convidar a toda a cidadanía a participar nesta tradicional carreira que culmina o ano en Compostela".

Direcciones relacionadas



Compartir: